Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/12/2021 | Actualizada ás 21:30
Ecoloxistas en Acción ven de presentar alegacións á proposta de Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 (PHGC), que se atopaba en consulta pública desde o pasado 15 de abril. As alegacións sinalan erros graves e omisións no Plan Hidrolóxico presentada por Augas de Galicia, que ocultan a gravedade dos impactos que a minaría ten sobre os ríos e regatos de Galicia.
Entre as principais eivas do plan, as alegacións presentadas pola entidade ecoloxista manifestan a existencia de "valoracións erróneas ou incompletas" no relativo ao estado ecolóxico, o nivel de deterioro, a evolución e o cumprimento de obxectivos ambientais para determinadas masas de auga afectadas por explotacións mineiras (Rego do Lourido, o Río Seixo de Landoi, o Rego da Braña Ancha, o Río Brandelos e o Río Pesqueira), incluindo a mina de Landoi, no Vicedo, a mina de Varilongo, en Santa Comba, a mina de Touro ou a mina de San Finx.
En varios casos Ecoloxistas en Acción denunciu o xeito en que a localización das Estacións do Programa de Control Operativo non permiten realizar un control axeitado da contaminación procedente de explotacións mineiras, como acontece nos ámbitos de afectación da Mina de Touro, a de Varilongo ou a de San Finx. A isto suman as "inconsistencias graves" tanto na normativa aplicada como no programa de medidas para mellorar as condicións de explotación e mantemento dos aproveitamentos mineiros.
En opinión de Ecoloxistas en Acción, na súa actual redacción, o proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa contén erros, omisións e inconsistencias graves, así como "obstáculos para a participación e esquecemento de medidas de protección" que poderían contribuír á conservación das masas de auga, o cal supón "unha enorme ameaza para ríos, regatos e mesmo a costa que se ve hoxe afectada pola minaría en Galicia”.
A organización ecoloxista tamén bota en falta a inclusión de medidas para democratizar a participación nos órganos de goberno e xestión que deben velar pola adecuada aplicación das medidas do PHGC, moi en particular do seu Consello Reitor, no que se ten pechada a porta a unha participación efectiva das organizacións ecoloxistas dun xeito inclusivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.