Reportaxe.- Os espolios do noso mar

Galicia Confidencial inicia unha serie de reportaxes. Nesta primeira entrega céntrase nos expolios dos pecios afundidos na nosa costa e contribuimos a comezar unha nova vía de denuncia; a dos espolios e destrución da nosa arqueoloxía...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 01/06/2007 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Algúns submarinistas afeccionados poderían lucrarse dando a coñecer as marcas mariñas

A Garda Civil asegura que se producen moitos máis espolios arqueolóxicos que en terra firme

GALICIACONFIDENCIAL. Santiago de Compostela

   O mar foi sempre un elemento fundamental en Galicia. Aquí chegaron buques fenicios e romanos. Aquí tamén chegou unha das caveiras do descubrimento de América e ata aquí tamén chegou o famoso pirata Drake. Un dos tesouros mariños máis enigmáticos atópase de baixo das augas da Ría de Vigo, en Rande. Dise que alí está afundido un cargamento de ouro que traían os buques españois de América. Con todo, a pesar das distintas tentativas realizadas aínda non foi atopado.

   Durante anos, a Ría de Vigo, a de Pontevedra, a da Arousa e A Costa da Morte foron e son obxecto do espolio de pezas arqueolóxicas. Ata na Moza Grande, na fronteira con Portugal, expoliaron moitas pezas que despois apareceron en Francia. A propia Garda Civil é coñecedora destes feitios; "no mar prodúcese moito máis furtivismo que en terra. Hai moito espolio e temos constancia de que se sacaron sacas de moedas de ouro que despois van parar ao mercado negro", aseguran fontes deste corpo.

   Xa o ex-fiscal de Lugo, Jesús García Calderón, alertaba en 1.999 sobre o espolio dos nosos xacementos mariños. En Galicia non foron poucos os intentos feitos por algúns grupos estranxeiros para intentar recuperar pezas dos buques afundidos nas nosas costas. Naquel entón, o propio García Calderón, aseguraba que detrás destas operacións poderían estar autoridades e funcionarios públicos.

   Unhas afirmacións que coinciden coas denuncias feitas polos mariñeiros de Fisterra, quenes hai un día denunciaron á Armada por ter expoliado un pecio do século XVI que se atopa nas augas deste concello.

Empresas extranxeiras en Galicia

   Non foron poucas as empresas que, oficialmente, pediron permiso á Xunta para recuperar tesouros acuáticos. Primeiro foron as italianas e belgas e últimamente as ruso-alemanas e inglesas. Todas elas presentaron proxectos para a recuperación de obxectos mariños, pero o Goberno galego sempre os rexeitou.

   "Estas empresas pensan que aquí a actividade arqueolóxica é libre; e cren que poden darnos a metade ou un tanto por cento das ganancias que recuperen. Cando lles dicimos cal é a nosa política non volvemos saber nada deles. Non descartamos que leven a cabo os seus proxectos sen o noso consentimento", apuntaron fontes da Xunta. Precisamente, iso último foi o que aconteceu hai uns días co buque John Lethbridge, propiedade de Subsea Resources, que tiña licencia para recuperar un cargamento de 445 toneladas de cobre e 115 de zinc dun cargueiro que naufragou en 1979 entre a península do Morrazo e as Illas Cíes.

   Nembargantes a Fiscalía abriu dilixencias ao considerar que o barco británico estaba, en realidade, buscando o tesouro do buque insignia da armada hispano-francesa, o Santo Cristo de Maracaibo, que se afundiu preto das cíes logo da Batalla de Rande.

   Garda Civil e Xunta non descartan a existencia de redes clandestinas dedicadas ao contrabando da arqueoloxía submarina. As grandes redes deste mercado son estranxeiras e ampáranse, para levar a cabo estas actividades ilexítimas, baixo o paraugas de grandes compañías arqueolóxicas de Italia, Bélxica, Inglaterra, EEUU ou Portugal. Pero tamén existen pequenas redes ou grupos que estarían integrados principalmente por submarinistas, e ata por mariñeiros locais.

   Estes poderían lucrarse ao difundir os acenos de orientación para localizar o punto no que repousan restos arqueolóxicos. Son as chamadas marcas mariñas, que coñecen á experiencia que teñen do ámbito mariño no que traballan.

   Moitos dos mergulladores galegos coñecen cascos, barcos, ánforas, vaixelas, canóns ou outros elementos que forman parte da arqueoloxía submarina. Moito do material extraído do mar vai parar ás propias casas particulares destes mergulladores. Algúns gardan nos seus domicilios auténticos museos mariños integrados por áncoras, ollos de boi, ou pequenos obxectos de bronce, vaixelas e mesmo algunhas moedas. Pero outras pezas acaban en tendas de submarinismo e en museos etnográficos.

Buscadores de tesouros

   O mundo da exploración mariña é un campo aínda ilimitado para os buscadores de tesouros debido ao continuo avance da tecnoloxía (radares por satélite, sónares de alta precisión, robots teledirigidos e mini submarinos). Con todo, a falta dunha lexislación de ámbito internacional que regule os dereitos de explotación dun achado submarino e as grandes achegas de capital privado dificultan o achegamento entre arqueólogos e buscadores de tesouros.

   Os arqueólogos defenden a importancia de analizar os restos arqueolóxicos no seu contexto porque poden atopar un 80 % da información. Polo outro, os buscadores de tesouros só buscan unha compensación económica polos achados atopados. Por iso son importantes os corpos de policía especializados.

   En Catalunya, xa funciona unha unidade de Mossos de Escuadra especializada na arqueoloxía mariña. En Galicia non hai aínda corpos especializados nin en arqueoloxía terrestre nin, moito menos, en arqueoloxía mariña. O único corpo policial con capacidade e medios para actuar neste campo é a Garda Civil. A súa unidade especializada en materia de obras de arte colabora coa dirección xeral de Patrimonio en varias investigacións sobre o furtivismo da arqueoloxía submarina.

   Con relación a estes espolios a Garda Civil xa detivo a varias persoas relacionadas coa subtracción dos obxectos de barcos afundidos na ría de Arousa e na ría de Corcubión. A comezos dos anos noventa houbo un roubo moi soado, o do barco Douro, que mesmo chegou a ser retransmitida pola televisión e avergoñou as autoridades autonómicas que, entón, se defenderon aludindo que non tiñan competencias nesta materia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Denantes morto que escravo

Por que escribes "Catalunya" e non "Galiza"?

Seica tes medo que pensen que es nacionalista galego(un demo con cornos), mais está "guai" iso do plurilingüismo estatal cando é para outras nacións do Estado (os nacionalistas cataláns molan mucho para os programas tipo Gemma Nierga)?

1 Oscar

Canto pupilo dos mestre Gil e Zaplana.