Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/12/2021
Nesta fin de 2021 Núñez Feijóo está a facer o erro Tellado. O PPdeG, que acadou un 48% de votos en xullo de 2020, percebe dende o remate do verán de 2021 que o BNG segue tan forte como nas eleccións nacionais de 2020. Mesmo máis forte. Por primeira vez o PPdeG albisca a posibilidade real, mesmo a probabilidade, de perder as eleccións nacionais de 2024 fronte unha coalición opositora liderada polo BNG. Quer dirixa ao PPdeG Núñez Feijóo,quer o dirixa calquera outro.
Fronte este proceso, Núñez Feijóo anima un discurso Tellado, demonizador do BNG, que vai totalmente á contra do que pensa a xente, ademáis de respostar a esquemas vellos e caducos. Porque o BNG definiu bastante a xeito na súa remuda congresual de novembro a dicotomía entre a ideoloxía de base (son soberanistas e defenden o dereito a decidir de Galicia) e a praxe que propoñen para a Galicia de arestora: un autogoberno blindado, a recadación e xestión de todos os tributos e unha lingua de uso preferente nun Estado transformado como plurinacional e nunha Unión Europea tamén transformada nunha Europa da cidadanía e dos pobos. É dicir, unha cosoberanía galega nun esquema confederal e plurinacional estatal e europeo.
Emitir mensaxes de medo a respecto do BNG como inimigo da convivencia non pertence a esta época, nin á nosa realidade. E enviar ao segundo Tellado para que os emita amosa que se está a perder o sentido da evolución dos tempos, mesmo que se está a perder o sentidiño. Ese sentidiño que a cidadanía galega esixe, agora e sempre, dos seus líderes.
A deputada do BNG Olaia Rodil no Parlamento de Galicia encaixou Tellado moi ben e mais ubicouno onde lle pertence: nos espazos da vella política dependentista que centos de milleiros deste País queren pechar, abrindo os que lles vencellen cos progresos da nova Europa, cos progresos do novo Mundo.