Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/12/2021 | Actualizada ás 21:30
Abai Group, a empresa que xestiona o sistema de rastrexo e seguimento dos casos covid da Xunta a través de Extel, defende o traballo de formación e teleformación que lle dan aos seus operarios. Por iso,desminten, deste xeito, as críticas de "caos organizativo" recibidas por algúns dos seus propios traballadores e as denuncias dunha circular interna do pasado 24 de decembro publicada por GC na que informaban aos empregados que lles pagarían 20 euros se traían a un "amig@" para realizar teleformación.
"Os traballadores no servizo de rastrexo da Xunta recibiron a formación previa que lles permite xestionar con axilidade e rigor os casos que se presentan", indica a empresa nun comunicado remitido a Galicia Confidencial. Así, lembra que esta formación impártese de forma mixta, é dicir, presencial e por teleformación, para "cumprir co obxectivo de seguridade dos grupos iniciais e que non superen as recomendacións de concentración de persoas nunha sala sempre co ánimo de evitar máis contaxios".
Abai Group suliña que, desde o inicio do servizo, asignou un equipo de 8 formadores permanentes, que desenvolveron manuais e materiais formativos didácticos "que facilitan a aprendizaxe dos novos empregados e empregadas" o que facilitou, di, "traballar ininterrompidamente desde marzo de 2020 sen incidente algún".
UN EQUIPO DE 600 PROFESIONAIS
A empresa di que comezou cun grupo inicial de 60 persoas que evolucionou de forma proporcional ao crecemento de contaxios, alcanzando hoxe unha cifra de 600 profesionais. "Adicionalmente, os rastrexadores teñen o soporte do equipo de xestión, formación, control de calidade e coordinación técnica dos equipos para monitorizar a correcta atención dos cidadáns", engade.
E ante o gran número de contaxios, Abai Group asegura contar cun "sistemas de continxencia activos para reforzar con novos rastrexadores a liña de atención ao cidadán e continuar traballando polo control da pandemia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.