Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2021 | Actualizada ás 10:19
O Goberno autonómico publicou xa unha edición 'bis' do Diario Oficial de Galicia (DOG) que ratifica que, desde as 00,00 horas deste venres 31 ata o 18 de xaneiro, estarán prohibidas en Galicia durante a franxa horaria das 3,00 ás 6,00 da madrugada as reunións de non convivientes tanto nos espazos públicos como no ámbito privado dos fogares. O obxectivo é frear a expansión da pandemia en plena explosión de casos, nun contexto marcado polo Nadal e pola nova variante ómicron.
Con todo, o DOG ratifica unha serie de excepcións (na liña de ocasións previas nas que rexeron medidas de restrición similares) e tamén lembra que o incumprimento desta medida, avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), é susceptible de sanción. Fontes do Goberno autonómico consultadas por Europa Press lembran que a lei de saúde galega sanciona con multas que van desde os 600 aos 3.000 euros 'saltarse' unha prohibición deste tipo decretada pola autoridade sanitaria.
A mesma norma lembra que as sancións poden endurecerse e adquirir unha maior gravidade se ten transcendencia directa ou efecto na saúde da poboación, por exemplo, se se dá unha gran concentración de persoas incumprindo medidas --como podería pasar nun 'botellón'-- que desen pé a un gran brote de covid-19.
EXCEPCIÓNS
A limitación de reunións nesta franxa horaria ten excepcións. Por exemplo, quedan fóra as persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente a unha única persoa que viva soa.
Tamén se exceptúa a reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio; ou daquelas con vínculo matrimonial ou de parella, cando estes vivan en domicilios diferentes.
Igualmente, estará permitida a reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
Outra excepción estará no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
Hai outras situacións que poderían xustificar chegado o momento o incumprimento da prohibición de reunirse de 3 a 6: pasar a noite no mesmo domicilio no caso de reunión ou reencontro familiar ou de achegados; ou "por causa de forza maior ou situación de necesidade".
CERTIFICADO COVID
Así mesmo, o DOG certifica a modificación da orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aprobaba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade co fin de ampliar a presentación do certificado covid en todo o horario da hostalaría
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.