Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 14:10
A plataforma canadense de procesado e almacenamento de petróleo Terra Nova será remolcada ao dique máis grande do estaleiro de Navantia Ferrol, o número 3, coa marea das 16,00 horas deste martes, onde permanecerá atracada durante o próximos sete meses para someterse a unha profunda reparación que lle permitirá ampliar a súa vida útil outros dez anos.
O buque, de 292 metros de eslora e case 46 de manga, entrou na ría ferrolá o pasado 31 de decembro, onde permanecerá fondeado ata que os prácticos do Porto inicien os traballos de remolque ata a factoría á primeira hora da tarde deste martes. Estaba previsto que se fixese con anterioridade, pero as condicións meteorolóxicas, principalmente o vento, dificultaban a manobra, polo que se decidiu esperar a unhas circunstancias máis favorables.
A reparación desta plataforma, propiedade da canadense Suncor, requirirá dunhas 700.000 horas de traballo que empregarán a máis de 300 operarios, fundamentalmente das compañías auxiliares. Navantia adxudicouse o contrato internacional para a reparación desta plataforma nun concurso que se resolveu en 2019, pero a pandemia atrasou a súa execución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.