Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2022 | Actualizada ás 13:31
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou este venres que a Xunta de Galicia comezará o luns 17 de xaneiro a repartir test de saliva para detectar posibles casos de Covid-19 nos colexios da Comunidade galega. "Estamos a traballar conxuntamente con Educación para que a partir do luns os centros educativos xa poidan ter á súa disposición este test", indicou en declaracións aos medios nun acto en Vilagarcía de Arousa.
O titular de Sanidade lembrou que tanto no momento no que os nenos comezaron as vacacións de Nadal, o 22 de decembro, como á súa volta ás clases, a Xunta xa proporcionou de forma gratuíta test de saliva a través das farmacias. "Agora faremos algo similar volvendo apostar polas probas nun ámbito tan crítico como a educación", sinalou Comesaña.
ALTAS AUTOMÁTICAS
En canto ao sistema de tramitación simultáneo, aprobado polo Consello da Xunta, que permitirá aos traballadores infectados pola Covid-19 recibir a alta médica de forma automática ao sete días, o conselleiro de Sanidade indicou que se está "traballando intensamente" co Ministerio responsable da Seguridade Social.
"Hai temas técnicos e administrativos que temos que axustar estes días e en canto estea dispoñible empezará a utilizarse sen máis demora", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.