Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 20:35
San Cosmeiro, O Vao, Maragouto, A Vaqueira, Banzas, Sete fontes... Son os nomes dos proxectos de parques eólicos e liñas de evacuación que terían afectacións "de forma íntegra ou parcial" sobre "hábitats prioritarios" no Concello de Outes. A eles habería que sumar o parque Tremuzo, xa en funcionamento.
Dende colectivos veciñais e medioambientais veñen de denunciar, unha vez máis, as "graves afeccións tanto ás zonas húmidas coma aos manantiais que abastecen a veciñanza", e explican que traballan co obxectivo de conseguir a "máxima implicación dos concellos afectados" para que o futuro do patrimonio natural da zona estea "garantido". Non descartan, incluso, a posibilidade de "acudir a Europa".
Segundo explican, as liñas de alta tensión de Maragouto e Banzas e o parque eólico A Vaqueira proxéctanse "no límite legal dos núcleos de poboación" e de vivendas illadas que xa na actualidade sofren "o ruído e as perdas de sinais de televisión ou telefonía móbil" derivadas da proximidade do parque eólico Tremuzo. "A gran perda patrimonial, que se agudiza polo feito de estar as vivendas dentro das poligonais dos proxectos, sería un escándalo", denuncia nun comunicado a coordinadora, que suma colectivos como Quijote Outes, APEOM ou Fonte Seca.
As liñas de evacuación, que na maioría dos casos están vinculadas entre os proxectos eólicos, "pasarán preto de lugares como Guimarei ou as Touzas, e dun dos bosques atlánticos mellor conservados como Santa Leocadia", advirten os colectivos. Por iso, solicitaron á Xunta de Galicia a inclusión destas zonas no catálogo de zonas húmidas por ser "hábitats prioritarios que distintas directivas europeas poñen en valor". Así mesmo, están en contacto con distintas asociacións medioambientais para "atopar as ferramentas para proxeter o que é de toda a veciñanza", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.