Santiago encara un 2022 cargado de funcións teatrais: coñéceas todas

Os teatros da capital contan xa con 12 funcións previstas para este semestre, unha delas de danza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), ofrece 12 actuacións escénicas en Santiago de Compostela durante este semestre. Delas, 11 son funcións teatrais de seis espectáculos e unha, de danza. A programación deste circuíto cultural no Teatro Principal, organizada en colaboración co Concello, arrinca este venres 21 de xaneiro ás 20,30 horas co espectáculo 'O deus do pop', a cargo de Diego Anido.

A peza, que poderá verse tamén o sábado 22 e que conta co apoio do Executivo autonómico mediante as subvencións á creación escénica, "é unha combinación de disciplinas, con texto, danza, baile e música en directo, e unha depurada dramaturxia". Segundo explica a Consellería de Cultura, Educación e Universidade nun comunicado, 'O deus do pop' ofrece un percorrido "desordenado" polos feitos que consolidaron a cultura pop e "un relato autobiográfico fantástico" no que Anido encarna a "unha sorte de imitador" de Michael Jackson.

A programación continúa o fin de semana seguinte con 'Cigarreiras', de Contraproducións e dirixida por Cándido Pazó, con sesións o venres e o sábado ás 20,30 horas. A proposta escénica está baseada na novela 'A tribuna', de Emilia Pardo Bazán e, con sete actrices sobre o escenario, "conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo con outros máis frescos e lixeiros, característicos da narrativa da autora galega".

Xa en febreiro, concretamente os días 3 e 4, Sarabela Teatro será a encargada de iniciar as actuacións do mes co seu espectáculo 'Morgana en Esmelle', a adaptación da novela homónima de Begoña Caamaño e que "rescribe o mito cunha perspectiva contemporánea".

Dúas semanas máis tarde, os días 17 e 18 de febreiro, Ibuprofeno Teatro representará 'Smoke in the water', mentres que o domingo 19 será a quenda de Pérez&Fernández coa coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) 'Vos nenos dá varíola', ás 18,30 horas. En marzo, está prevista para os días 4 e 5 a representación da nova coprodución do CDG Rastros, da compañía Condetrespés. O cartel péchase o 20 de maio coa danza de Fran Sieira e o espectáculo De Mente.

Espectáculo da rede galega de teatros e auditorios. CONSELLERIA DE CULTURA
Espectáculo da rede galega de teatros e auditorios. CONSELLERIA DE CULTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta