A Xunta destinará case 20.000€ a construír un cruceiro en Miami para promocionar o Xacobeo

O executivo autonómico xustifica o investimento como "promoción turística". Para o PSdeG, trátase dunha mostra da "falta de criterio e transparencia" nas actuacións da Xunta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Continúa a inxente campaña de promoción do Xacobeo 21-22 por parte da Xunta de Galicia. As esperanzas depositadas polo exectivo autonómico no 'milagre' económico da peregrinación vai deixando un longo regueiro de gastos públicos que este mércores vén de ser novamente criticado pola oposición. Desta vez, foi o grupo parlamentario socialista o que inquiriu ao popular pola necesidade de gastar case 20.000€ na construción dun cruceiro... en Miami. 

Cruceiro de Cedeira
Cruceiro de Cedeira | Fonte: Turismo de Galicia

Así o apuntou o deputado Pablo Arangüena  na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia, na preguntou "en que vai contribuír esta iniciativa para atender as inxentes necesidades sociais, económicas ou sanitarias da comunidade galega no exterior". Na mesma xornada, pediu explicacións ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e que externalidades positivas van saír desta achega económica.

A Xunta defendeu a colocación do cruceiro como unha acción para promocionar Galicia como destino "nunha das cidades máis turísticas do mundo". Así o manifestou o propio director xeral de Relacións Exteriores na quenda de peche da súa intervención ante a Comisión 1ª da Cámara onde compareceu para facer balance da acción exterior da Xunta en 2021, Gamallo censurou a actitude dos grupos da oposición e esgrimiu que "a colectividade" de galegos en Miami "teñen todo o dereito a ter os símbolos do seu país" na cidade onde residen.

Para os socialistas, a instalación deste cruceiro é "un exemplo paradigmático da falta de criterio e de transparencia con respecto á execución, os custes e o grao de cumprimento dos obxectivos da propia Estratexia" de promoción exterior. Nesta liña, Pablo Arangüena lamentou que a propia comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea “non serviu absolutamente para nada” e estivo moi lonxe de ser “esclarecedora e ilustrativa”, xa que non se fixo “ningún tipo de valoración” sobre as actividades desenvolvidas, “tal e como pide a letra e o espírito da lei”.

Así, lamentou que non se achegase "ningún dato concreto" sobre a repercusión e a relación entre os gastos e beneficios das accións realizadas o ano pasado no estranxeiro polos altos cargos do goberno galego. “O que nos contou”, censurou Arangüena, “foi unha relación de viaxes de Feijoo, dos conselleiros e dos directores xerais, pero non valorou cal foi a repercusión de cada unha desas viaxes e así non ten ningún sentido”.

Por iso, o deputado do PSdeG instou á Xunta a presentar no Parlamento un informe detallado no que, ademais dunha mera relación de actividades, se poña en relación o seu custe e o seu beneficio e se determine a súa aliñación cos obxectivos recollidos na Estratexia galega de acción exterior.

Ao fío disto, Arangüena incidiu en que o propio documento recolle que debe haber unha avaliación anual dos logros acadados e do grao de cumprimento dos obxectivos, pero esa información “non aparece por ningún lado” e, ademais, "tampouco existen indicadores para medir como se usan os recursos públicos". "De feito, dende 2018, non existe información anual ao respecto e, polo tanto, estamos ante un documento baleiro e a comparecencia de hoxe non nos vale para nada", sinalou Arangüena.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta