Por Galicia Confidencial | compostela | 25/01/2022 | Actualizada ás 20:40
Coincidindo coa data na que se celebrou no 1975 o Seminario Internacional de Educación Ambiental en Belgrado, do que saíron os principios e obxectivos xerais dentro do marco da Educación Ambiental a nivel mundial recollidos na denominada carta de Belgrado, este mércores 26 de xaneiro celébrase o día mundial da Educación Ambiental. Por iso, e no marco dos diferentes programas que xa está a desenvolver, ADEGA organiza unha serie de actividades de Educación Ambiental, considerada pola asociación ecoloxista unha "liña estratéxica de actuación".
Así, mañá mércores na parroquia de San Cosme (no concello de Barreiros) levarase a cabo un curso de formación para o persoal do municipio encargado de mantemento das áreas de compostaxe comunitaria. Tamén, desta volta no IES de Ames (en Bertamiráns) participará na actividade 'Charcas con Vida'. Aí, en colaboración co concello, realizará unha ampliación da charca didáctica que contará tamén co asesoramento do persoal técnico de Charcas con vida.
MÁIS DE 45 ANOS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL
ADEGA desenvolve numerosas iniciativas de Educación Ambiental destinadas a fomentar o coñecemento do medio e proporcionar ferramentas para a valorización e a súa conservación.
Entre as diferentes iniciativas de Educación Ambiental que promove a asociación destaca o Proxecto Ríos, un programa que conta con 15 anos de experiencia na custodia dos ríos galegos a través das inspeccións realizadas polos seus grupos de voluntariado. Destaca ademais o programa de Compostaxe Doméstica e Comunitaria, "realizado con éxito en máis de 5000 vivendas nun total de 50 concellos" de Galicia.
Tamén son salientables iniciativas como Charcas con Vida, que nace co fin de difundir os valores das charcas e de contribuír ao seu estudo e conservación, así como os "numerosos proxectos de custodia do territorio como son a Eira da Xoana, o Sobreiral de Arnego ou monte da Fraga na UDC".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.