Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 20:18
Un home foi liberado este sábado tras resultar ferido ao quedar atrapado baixo o tractor que conducía en Cambados, nunha leira particular situada na Revolta, en Castrelo.
Segundo informa o 112 Galicia, recibiron o aviso pasadas as 12,30 horas a través do persoal sanitario, que solicitaba axuda para liberar a un home que quedara atrapado baixo unha máquina agrícola.
Os xestores de emerxencias informaron os feitos aos Bombeiros de Ribadumia, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil.
Tras ser liberado, unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia.
ACCIDENTE DE TRACTOR EN CASTRO DE REI
Por outra banda, o 112 Galicia tamén foi informado esta tarde, sobre as 18,45 horas, doutro accidente de tractor, na localidade lucense de Castro de Rei.
Tras recibir o aviso por parte dun particular, o 112 Galicia deu conta dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil. Tamén foron informados os Bombeiros de Vilalba, aínda que non foi precisa a súa intervención, dado que a persoa puido ser liberada polos mesmos particulares que presenciaron o accidente.
Con todo, a persoa foi trasladada en ambulancia polo persoal sanitario.
EVACUADO EN HELICÓPTERO
Tamén esta tarde, ao redor das 16,00 horas, o helicóptero medicalizado con base en Ourense do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse ata Santa Baia de Urrós, en Allariz, para evacuar a un home que se caeu dunha árbore mentres procedía a cortar as ramas.
O 112 coñeceu os feitos por unha chamada dun particular, que indicaba que no lugar onde se atopaban presentaba dificultades para acceder en ambulancia. Avisouse entón aos servizos sanitarios, así como aos Bombeiros de Xinzo e os efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez tomou terra, o ferido puido ser trasladado na aeronave ata o centro hospitalario de referencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.