Polémica na CRTVG pola "lamentable" e "groseira" emisión da 'Tanxufesta'

O Comité Intercentros considera que a innovadora emisión se convertiu nunha "conversa groseira" sen un "mínimo de calidade" e profesionalidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/02/2022 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O evento 'Tanxufesta' emitido pola CRTVG coincidindo coa final do 'Benidorm Fest' foi, ademais dun evento histórico debido a integración dos novos canais de comunicación cos tradicionais, unha "conversa groseira en ton ata vulgar que avergoña a calquera creadora de contido". Así vén de calificar o Comité Intercentros á emisión do pasado sábado do ente público, pois considera que dita retransmisión carecía do mínimo estándar de calidade que se pode esixir e que non se realizou coa profesionalidade que require unha emisión deste tipo. Por iso, o Comité Intercentros reclama explicacións á dirección da CRTVG.

Actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest
Actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest | Fonte: RTVE

"Lamentamos que a proposta innovadora que cualifican de histórica dera unha imaxe inapropiada, carente de calidade, cuns contidos realmente inaceptables que nada teñen que ver cun formato televisivo", censuran dende o Comité Intercentros. Porque a CRTVG converteuse con esta retransmisión, de feito, no primeiro operador do Estado en emitir un programa de xeito simultáneo na TDT, na Radio Galega, na canle de Twitch e na de Youtube; pero para o Comité Intercentros este evento foi "unha conversa groseira". "Ata o punto de que a audiencia tivo que ver comentarios de mal gusto en pantalla pola falta de moderación das profesionais que estaban á fronte desa emisión", censuran.

Por iso, o comité cre que "ademais de gabarse polos resultados obtidos", a CRTVG debería preocuparse pola "proxección social que se está a transmitir á nosa fiel audiencia e pola responsabilidade que ten como empresa pública". Dende o comité sinalan os feitos mostran que o evento "non estaba axeitadamente preparado nin contaba coa produción" necesaria, e lembran que é a CRTVG a responsable dos contidos que se emiten, aínda que sexan os espectadores os que empreguen as canles para difundir mensaxes que poden chegar a atentar contra o dereito á honra ou a propia imaxe.

Dende a representación das traballadoras e dos traballadores piden á dirección que expliquen como se produciu ese programa, se é que contou con produción propia, con que medios persoais e técnicos contou e cales son os gastos que xeraron para o desprazamento das cinco persoas a Benidorm para emitir sen gravar imaxes cunha cámara de televisión en formato broadcast.

Ademais, denuncian que a retransmisión "nin sequera contou cunha entrevista en condicións ás Tanxugueiras, que entendemos era o principal feito informativo e de interese que xustifica ese programa especial". Así, o comité considera "lamentable" que non se desprazaran os medios técnicos e humanos requiridos para desenvolver un programa radiofónico e televisivo de calidade. E solicitan ademais saber con que criterios se elixiron as e os colaboradores que participaron e que gasto supuxo, en caso de habelo, polos seus servizos prestados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Pedreira

Non xorobedes. O espazo estivo moi ben. Colleu moito tipo de público, cousa que a CRTVG lle está custando. Reciclar público e ter xente nova, e renovarse e non quedar en callados cas mesmas catro persoas de sempre.

1 Francisco

Si. Se che parece xente nova, un Piñeiro mofandose da letra ou forma de actuar dos concursantes.....