A veciñanza de Miramontes mobilízase contra a circulación de camións de alta tonelaxe, prohibida polo TSXG

A Plataforma de afectados polo Vertedoiro concentrarase para denunciar que camións sen autorización transitan "agredindo a seguridade e calidade de vida" polo camiño que dá acceso ao vertedoiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Plataforma de afectados polo Vertedoiro de Miramontes e a Federación de Asociacións veciñais do Rural de Santiago (FERUSA) veñen de convocar unha manifestación para o día 14 de febreiro na que protestarán contra a circulación de camións de alta tonelaxe polo 'Camiño do Gandarón' que dá acceso ao vertedoiro de Miramontes. A concentración terá lugar ás 12 horas no lugar de Miramontes, na intersección da estrada DP 7804 e o Camiño de Gandarón, acceso ao vertedoiro de Miramontes.

Camións de alta tonelaxe camiño ao vertedoiro de Miramontes.
Camións de alta tonelaxe camiño ao vertedoiro de Miramontes.

A circulación de camións de tonelaxe superior a 5,5 t polo 'Camiño do Gandarón' con destino ao vertedoiro, afirman dende a plataforma, está desautorizada por unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sen posibilidade de recurso pero aínda non se executou. "Esiximos que se leve a cabo xa, sen máis demoras", claman dende a veciñanza.

Dende a plataforma inciden en que, que agás os vehículos correspondentes á empresa Áridos CNC e os vencellados á explotación mineira que foron autorizados por Decreto de data 15 de setembro de 1992, os vehículos de gran tonelaxe que están a transitar no lugar de Miramontes-Grixoa carecen de autorización para poder facelo. E, así, esixen o cese inmediato desta circulación "con destino ao vertedoiro por carecer de autorización e por estar poñendo en risco e agredindo permanentemente a súa seguridade e calidade de vida".

A plataforma lamenta que os veciños da contorna continúan a sufrir as consecuencias das actividades de xestión de residuos que se levan a cabo na canteira, e que se manifestan en episodios de contaminación e fortes cheiros que "seguen a producirse a pesar da prohibición de entrada de materia orgánica imposta pola Consellería de Medio Ambiente en marzo do 2019". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta