O PP pide que Silva compareza polos falsos bolseiros e ve instaurada na Deputación "a lei do silencio"

Á portavoz do PP na Deputación parécelle "vergoñoso" que non asuma responsabilidades.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A portavoz do grupo do PP na Deputación de Pontevedra, Pepa Pardo, compareceu este mércores xunto aos deputados provinciais Paz Lago e Miguel Domínguez, nunha rolda de prensa na que denunciaron que na institución provincial "está instaurada a lei do silencio", en relación tamén co fallo dos falsos bolseiros, polo que solicitaron formalmente a comparecencia en pleno da presidenta Carmela Silva.

Os populares queren que a mandataria provincial dea conta da sentenza do Tribunal Supremo que confirma a relación laboral de 38 bolseiros coa Deputación de Pontevedra ratificando así o fallo anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que considera que as bolsas tiñan a finalidade de "tentar asumir unha carga de traballo superior á que poden soportar os traballadores".

Pepa Pardo sinalou que esta sentenza "afecta de forma directa á política de contratación da Deputación", polo que cre que son necesarias estas aclaracións por parte de Carmela Silva da que tamén reclaman que explique "como é que durante todos estes anos ninguén se deu conta das irregularidades laborais que se estaban cometendo".

Ademais de solicitar a comparecencia da presidenta, o PP pediu que, nese mesmo pleno, de explicacións o deputado delegado da área de Persoal e Réxime Interior, Carlos López Font, "a fin de que responda a todas e cada unha das preguntas que se lle formulen en relación ao caso bolseiros".

Pepa Pardo insistiu en que "os pontevedreses teñen dereito a saber como isto foi posible" e expresou a súa indignación porque "unha semana despois" de que o PP presentase esta solicitude de comparecencia "non tivemos resposta algunha" algo, que segundo dixo, forma parte da "política base" do Goberno provincial, que é aplicar a "lei do silencio" naqueles asuntos que lle son "incómodos". "Isto non só é de covardes senón que é contrario a toda ética política", asegurou Pardo.

"VERGOÑOSO" QUE NON SE ASUMAN RESPONSABILIDADES

Para a portavoz do grupo provincial do PP, resulta "vergoñoso" que "ninguén" no Goberno provincial "nin por parte do BNG nin por parte do PSOE" asuma responsabilidades políticas, nin polo chamado "caso cuñada" nin por esta sentenza dos falsos bolseiros, cando "estas resolucións do Supremo pon máis que en cuestión a xestión da señora Silva á fronte da Deputación".

"Estamos realmente ante un verdadeiro anacronismo: instauran o silencio fronte ás necesarias explicacións", dixo Pepa Pardo, antes de reprobar "a política dos premios fronte á asunción de responsabilidades políticas".

Rolda de prensa de Jorge Cubela e Pepa Pardo.. PP DE PONTEVEDRA
Rolda de prensa de Jorge Cubela e Pepa Pardo.. PP DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta