Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 18:41
O grupo municipal do BNG en Santiago de Compostela reclamou unha investigación sobre os supostos abusos sexuais ocorridos no colexio La Salle da capital de Galicia. O pasado sábado La Salle informou de que recibira tres novas denuncias por abusos sexuais que se produciron nos anos 70-80. Dous rexistráronse en Galicia --onde ten centros en Santiago e Ferrol-- e a terceira, en Castela e León.
O Bloque aseverou que rexeita os abusos que saen á luz, "producidos no seo da Igrexa e, neste caso, que afectan tamén a un centro educativo de Santiago". Ademais, remarca que "xa se produciron diversas denuncias e testemuños por parte de persoas que sufriron estas condutas repulsivas cando eran estudantes".
A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, expuxo que, por parte do Concello, "hai que traballar para conseguir que Santiago de Compostela sexa un espazo libre de abusos e violencia sexual".
Tamén, incidiu en que "non vale mirar para outro lado ou pensar que son cuestións doutro tempo, é necesario afrontar a realidade e esixir como noutros ámbitos xustiza, verdade e reparación".
O BNG reclama que estes sucesos non queden impunes, "xa que poden provocar danos psicolóxicos na infancia e adolescencia a estes estudantes".
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que estivo interno como alumno neste centro compostelán, sinalou que "calquera denuncia deste tipo debe ser esclarecida", de forma que as "vítimas, na medida do posible, deben ser compensadas ou resarcidas".
Preguntado por esta cuestión, asegurou que rexeita de forma tallante calquera tipo de abuso e remarca que a investigación corresponderá "ás instancias xudiciais e policiais", así como "á administración titular" do centro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.