Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/02/2022 | Actualizada ás 11:23
Un veciño de San Paio do Carballal, José Manuel Galán, policía xubilado, mercou un desfibrilador para cardioprotexer aos 7 veciños que viven na súa aldea, situada a cinco quilómetros de Montederramo (Ourense). Este concello ten preto 600 habitantes distribuídos en 84 núcleos de poboación polo que é moi difícil atendelos en caso de emerxencias.
"Eu vivía nun pobo de Madrid e retireime a esta aldea cando me xubilei", comenta José Manuel Galán. "Á semana de chegar presenciei o falecemento da nai da miña veciña por paro cardíaco. A ambulancia tarda moito en chegar polas distancias e porque as rúas do pobo non están en bo estado. Estaba claro que necesitabamos un desfibrilador pero, como os concellos non o fan, fun eu quen comprou o aparello", suliña a través dun comunicado.
José Manuel non dixo aos seus veciños que ía comprar o equipo "porque é caro", pero ao sabelo reaccionaron moi ben. "Puxemos o desfibrilador en casa da familia máis nova -explica- para que en caso de emerxencia podamos acudir a eles facilmente. Estivemos a barallar a posibilidade de polo dentro da capela da aldea, pero tardariamos moito máis tempo en chegar. O seguinte paso é sinalizar onde está para que os saiban as persoas de paso", indicou.
O desfibrilador está en casa de Luís Martínez, para quen o tema de ter un desfibrilador foi algo novo. "Pero creo -di- que pode sernos moi útil se algún día temos a mala sorte de ter un paro cardíaco. Vivimos en pobos moi illados e a ambulancia tarda máis de media hora en chegar. O pobo máis grande do núcleo, onde está o policlínico, tampouco ten desfibrilador", apunta.
Luís traballa na deputación cunha máquina trazando estradas pola mañá e polas tardes esta en casa. "A miña muller está sempre en casa co meu sogro e o meu fillo, que traballar nunha granxa de pitos preto do pobo, tamén pasa moito por casa. Hai unha aldea preto da nosa con só un habitante que tamén se beneficiará deste desfibrilador", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.