Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 17:52
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, e o líder da oposición, o popular Pablo Casado, expresaron a súa preocupación polo afundimento do "Vila Pitanxo" fronte ás costas de Terranova, en Canadá, e súmanse ás condolencias polas vítimas.
"Seguimos con inquietude e preocupación as tarefas de procura e rescate da tripulación do barco galego afundido en augas de Terranova", tuiteou a conta oficial do presidente do Goberno.
Pedro Sánchez envía "todo" o seu "agarimo" ás familias e sinala que o Executivo central está "en contacto continuo cos servizos de salvamento".
Pola súa banda, Yolanda Díaz mostrouse "consternada" polo accidente. "Chegan malas noticias do outro lado do Atlántico. Informouse de vítimas mortais e tripulantes desaparecidos. Todo o meu ánimo e apoio ás familias na súa dor e a súa incerteza", expresou.
Tamén se pronunciou o presidente do PP, Pablo Casado, quen mostrou que segue con "preocupación" a información sobre o afundimento: "É unha traxedia que nos conmociona". "O noso sentido pésame polos falecidos, o noso desexo de que se localice pronto aos desaparecidos e recuperación dos feridos", manifestou, a través de Twitter.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.