Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:48
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, propuxo o desenvolvemento dunha "promoción intensa" do sector vitivinícola galego, así como "abrir novos mercados en países emerxentes" para fortalecer a esta industria ante a incerteza da política arancelaria.
Segundo comunicou a formación nacionalista galega nunha nota de prensa, Pontón lanzou esta proposta tras manter un encontro con representantes da Denominación de Orixe Rías Baixas en Camabados, onde se reuniu coas principais cooperativas vitivinícolas.
Ademais da promoción dos viños, a nacionalista propuxo a creación, por parte da Xunta, de medidas de apoio "tanto técnico como financeiro", a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que axuden a que aquelas adegas que poidan ter problemas polas variacións do mercado teñan os recursos "necesarios" para xestionar a situación.
Pontón aproveitou a reunión para solicitar outro tipo de medidas "máis estruturais" e de maneira "permanente" ao longo de todo o ano, como a recuperación dos contratos homologados, que permitirían, asegurou, dar unha "maior estabilidade" ás relacións entre os produtores e os compradores de uva.
Nesta liña, tamén defendeu a necesidade de desenvolver en colaboración co propio sector unha Lei do Viño, que regule e apoie ao sector vitivinícola, que considera, de "especial relevancia" para o futuro do País.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.