PP, PSOE e BNG apoian a Jácome para evitar os reparos do interventor municipal nunhas obras de Ourense

Facilitan o desbloqueo da reforma da Avenida de Portugal, que seguirá adiante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O pleno extraordinario celebrado este venres no Concello de Ourense permitiu desbloquear a reforma integral da Avenida de Portugal, unha obra encallada desde fai máis dun ano. A pesar dos reproches ao goberno local pola súa "falta de xestión e planificación", os tres grupos da oposición (PP, PSOE e BNG) optaron pola abstención, o que permitiu levantar os reparos do interventor municipal e avanzar na adxudicación dos traballos.

A reforma, financiada parcialmente con 1,4 millóns de euros procedentes de fondos europeos Next Generation, debe estar finalizada antes do 31 de decembro deste ano, un prazo que a oposición ve difícil de cumprir. O interventor alertou da falta de crédito suficiente e do risco de perder a subvención se non se respectan os prazos establecidos.

O proxecto, dividido en dous tramos, supera os cinco millóns de euros, tras unha rebaixa de 800.000 euros sobre o orzamento inicial. En total, estímase un custo final de 5,1 millóns, co primeiro tramo roldando os dous millóns e o segundo, máis de tres.

O BNG insistiu no risco de repetir erros como os da Praza de Abastos, onde se perderon 3,5 millóns de fondos por incumprimento de prazos. "Se non se fai a obra a tempo, non hai subvención", advertiu Luís Seara. Desde o PP insistiron en que non serán "cómplices da súa mala xestión", pero evitaron bloquear o proxecto.

VOTOS A favor DO GRUPO DE GOBERNO

A aprobación técnica dos expedientes 41R/2025 (primeiro tramo) e 43R/2025 (segundo tramo) saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, que encabeza Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), e a abstención do resto da corporación. Desde a oposición, especialmente por parte do BNG, xa advertiron que esixirán responsabilidades se finalmente se perde a axuda europea, por non ter as obras finalizadas ao comezo do próximo ano.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta