Detido por cobrar 550 euros dun aluguer vacacional en Laxe que resultou unha estafa

O detido, veciño de Laxe, xa fixera o mesmo en Sanxenxo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2022 | Actualizada ás 10:43

Comparte esta noticia

O Equipo@ Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña de resposta en materia de ciberdelincuencia investigou a un veciño do municipio coruñés de Zas como presunto autor dun delito de estafa en relación a un aluguer vacacional en Laxe a unha familia de Salamanca.

Segundo relatou o Instituto Armado, os feitos ocorreron por mor da denuncia interposta por un veciño de Salamanca nas dependencias oficiais da Garda Civil de Laxe o pasado mes de agosto, onde comunicou que, tras decidir pasar coa súa familia uns días de vacacións nesta localidade costeira, buscou nun coñecido portal de aluguer de inmobles de Internet un por esa zona.

Unha vez localizado un piso que se adecuaba ás súas necesidades púxose en contacto co suposto propietario, co que acordou un prezo de 550 euros polo aluguer, cantidade que ingresou na conta bancaria indicada, indicou a Benemérita.

Tras realizar a viaxe coa súa familia desde o seu domicilio ata Laxe tentou contactar varias veces co investigado para recoller as chaves da vivenda, pero non obtivo resposta algunha, momento en que se deu conta de que fora vítima dunha estafa e non disporía do piso alugado.

A Garda Civil investigou os feitos para constatar a veracidade dos mesmos e identificar plenamente o autor ou autores do ilícito. No transcurso da investigación, tras a análise da información solicitada, os efectivos do Equipo@ Milladoiro lograron a identificación plena do responsable dos feitos, que resultou ser un veciño de Zas, coñecido das forzas de seguridade por ilícitos da mesma índole na zona de Sanxenxo. Foi investigado como presunto autor dun delito de estafa.

A Garda Civil lembra que este tipo de estafas "increméntase en datas vacacionais e en destinos con gran demanda", polo que recomenda "prestar especial atención se o prezo do aluguer é considerablemente inferior ao valor medio dos da zona".

Imaxe do porto de Laxe
Imaxe do porto de Laxe | Fonte: O camiño dos faros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta