“As persoas abusan dos antibióticos independentemente do seu nivel educativo”

Investigadores da Universidade e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, da Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) e do Instituto Karolinska en Estocolmo (Suecia) presentan un estudo sobre o mal uso e abuso de antibióticos entre a poboación en función do nivel educativo.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 18/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento. Científicos de todo o mundo, en colaboración con organismos supranacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Europea (UE), están tentando atallar o problema global do abuso e mal uso dos antibióticos entre a poboación e no ámbito veterinario. Un recente estudo calculou que cada día morren 3.500 persoas no mundo pola resistencia aos antibióticos. No ano 2019 faleceron polo menos 1,2 millóns de persoas por bacterias resistentes a estes fármacos, segundo a análise máis ampla realizado ata a data, con datos 200 países e territorios.

Antibióticos
Antibióticos | Fonte: Pixabay.

A esta achega engádese agora un novo estudo no que se intenta explicar se hai unha asociación entre o nivel educativo e o mal uso de antibióticos, realizado por investigadores adscritos ao Departamento de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela (IDIS), a Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) e o Departamento de Saúde Pública Global do Instituto Karolinska en Estocolmo (Suecia).

A conclusión é clara: “As persoas abusan dos antibióticos independentemente do seu nivel educativo”. Por iso, engaden os autores do estudo, “os programas de intervención para mellorar o uso axeitado dos antibióticos deben orientarse a todas as comunidades, independentemente do seu nivel educativo”.

“Os programas de intervención para mellorar o uso axeitado dos antibióticos deben orientarse a todas as comunidades, independentemente do seu nivel educativo”

Nos países máis ricos, as probabilidades de uso indebido de antibióticos son un 20% máis baixas en individuos con educación media que nos de baixo nivel educativo. 

Campaña do Ministerio de Sanidade para un uso racional dos antibióticos.
Campaña do Ministerio de Sanidade para un uso racional dos antibióticos.

Numerosos estudos avaliaron a posible asociación entre o nivel educativo e o uso indebido de antibióticos por parte da poboación en xeral, obténdose resultados diverxentes. Para tentar esclarecer este asunto, os investigadores realizaron unha metaanálise das investigación realizadas até agora, é dicir, sintetizaron os resultados de 85 estudos de 42 países de diferente nivel socioeconómico nos que se analizou este problema entre os anos 2000 e 2021.

O que atoparon foi que unha educación media se asocia cunha probabilidade un 20% menor de uso indebido de antibióticos nos países de ingresos altos, en comparación cunha educación baixa, mentres que unha educación superior se relaciona cunha probabilidade 14% menor de calquera aspecto do uso indebido de antibióticos. A asociación é máis pronunciada en Oriente Medio e en países de economías media-baixa.

Inversamente, en Europa, a educación superior asóciase a un 25% máis de probabilidades de uso indebido de antibióticos. Cada ano adicional de educación asociouse cunha probabilidade un 4% menor de calquera aspecto do uso indebido de antibióticos nas economías media e en Oriente Medio. Pola contra, asociouse cun 3% máis de probabilidades de almacenamento de antibióticos no fogar, un tipo específico de uso indebido, xa que se obervou que a dispoñibilidade de antibióticos nos domicilios é un factor de risco importante, porque a medicación sobrante pode alentar a  automedicación posterior, incentivando un uso inadecuado destes fármacos e contribuíndo a un aumento da resistencia antibiótica, que está a alcanzar niveis alarmantes nalgúns países.

Os estudos analizados abarcaron unha poboación total de 85.789 suxeitos, dos cales 24.579 mostraban un mal uso dos antibióticos do seguinte xeito: uso sen receita médica (15.780 persoas), almacenamento de antibióticos (6.077), non adherencia ao réxime de tratamento con antibióticos prescrito (2.293) varios tipos de mal uso concomitantes (429).

As análises dos estudos revelaron que o nivel educativo non está asociado co uso de antibióticos non prescritos ou coa non adherencia ao réxime de tratamento prescrito. Non obstante, o alto nivel educativo asóciase a un 41% máis de probabilidades de almacenamento de antibióticos, en comparación coa baixa educación. A asociación co almacenamento de antibióticos tamén se observou para o nivel de educación medio, aínda que cunha magnitude menor.

Os autores desta revisión sistemática observaron que un incremento dun ano educativo está asociado cun 3% máis de probabilidades de almacenamento de antibióticos, pero tamén cun 9% menos de probabilidades de uso indebido de antibióticos en xeral.

A probabilidade de usar antibióticos sen receita médica “é similar para os individuos de baixo, medio e alto nivel educativo”

Nos países máis ricos, as probabilidades de uso indebido de antibióticos son un 20% máis baixas en individuos con educación media que nos de baixo nivel educativo. Nos países con economía media-baixa, a educación alta está asociada a unha redución do 30% das probabilidades de uso indebido de antibióticos, en comparación coa educación baixa. Ademais, nestes países, cada ano adicional de educación asóciase cunha probabilidade de uso indebido de antibióticos un 3% máis baixa.

Na rexión do Mediterráneo Oriental, a educación alta asóciase cun 36% menos de probabilidades de uso indebido de antibióticos en comparación coas persoas con baixo nivel educativo. Na rexión europea, a educación superior asóciase cun 25% máis de probabilidades de uso indebido. E de maneira similar, cada ano adicional de educación asóciase cun 4% menos de probabilidades de mal uso de antibióticos no Mediterráneo oriental e un 2% máis de probabilidades nas rexións europeas

Por ano de publicación dos estudos, observouse que as estimacións agrupadas de investigacións publicadas despois de 2015 mostran un 19 % menos de probabilidades de uso indebido de antibióticos por parte de persoas cun nivel educativo alto, en comparación con aquelas cun nivel educativo baixo. Cada ano adicional de educación asociouse cunha redución do 2% nas probabilidades de uso indebido de antibióticos.

En canto aos criterios metodolóxicos deses estudos, os autores destacan que as investigación nas que fixeron estimacións por idade e xénero, así como as consideradas de maior calidade, non mostraron asociación entre a educación e o mal uso de antibióticos.

“Os datos dos estudos incluídos na metaanálise encaixan ben cunha asociación lineal entre educación e uso indebido de antibióticos. Non atopamos ningunha asociación entre un incremento dun ano na educación e a aparición de uso indebido de antibióticos”, explican os investigadores.

Se ben observaron que os individuos con alto nivel educativo teñen, en xeral, menores probabilidades de uso indebido de antibióticos que aqueles con baixo nivel educativo, “estes resultados non se confirmaron para o grupo de estudos europeos nin no caso do indebido almacenamento de antibióticos”, matizan.

En canto á probabilidade de usar antibióticos sen receita médica, así como a probabilidade de non adherencia ao tratamento prescrito, destacan que “é similar para os individuos de baixo, medio e alto nivel educativo”. “En particular, as probabilidades de almacenar antibióticos no fogar para necesidades futuras son maiores para as persoas altamente educadas que para aquelas con baixo nivel educativo”, clarifican.

O FACTOR ECONÓMICO

Nesta liña, explican que as persoas con menor nivel educativo tamén son máis susceptibles a comorbilidades e, polo tanto, están máis expostas aos medicamentos que as persoas con estudos superiores. “A educación está fortemente asociada co estado socioeconómico, especialmente coa renda”, explican estes autores, que destacan que as persoas con menos educación e recursos económicos son máis proclives a “acurtar o seu tratamento” ou a “comprar menos doses das prescritas, debido ao custo”, e “a automedicación é a maioría das veces a única opción dispoñible” para estas, “especialmente en países con acceso limitado ás instalacións sanitarias”.

Por outra banda, proseguen, os individuos con maior nivel socioeconómico e estudos superiores “teñen máis redes sociais que favorecen o seu acceso a antibióticos sen receita” e “é máis probable que teñan unha mellor accesibilidade económica para comprar e almacenar antibióticos non reembolsados” (as expresións de medicamentos  reembolsables e non  reembolsables utilízase para indicar se son financiados polas administracións ou polas entidades de seguros; reembolsable consiste en que o paciente pague a totalidade dos medicamentos e produtos sanitarios na farmacia e, posteriormente, reciba a parte financiada dos mesmos). A farmacia cobra a totalidade de prezo no momento da dispensación).

“Isto podería, polo menos parcialmente, explicar os nosos descubrimentos sobre unha maior probabilidade de uso indebido nos países europeos. As regulacións para controlar a dispensación de antibióticos deberían seguirse facendo cumprir, xa que máis da metade dos antibióticos en todo o mundo aínda se dispensan sen receita”, advirten os investigadores.

“Informouse de coñecementos insuficientes e ideas erróneas sobre os antibióticos tanto nos países desenvolvidos como en desenvolvemento"

Neste sentido, apunta como prioritaria a “alfabetización sanitaria”, xa que “contribúe significativamente ao estado de saúde e ao uso de medicamentos”. “Os individuos con baixo nivel educativo caracterízanse por ter unhas habilidades de alfabetización sanitaria máis pobres que aqueles con educación alta. A falta de acceso á atención sanitaria das persoas menos educadas tamén reduce a súa alfabetización sanitaria. Non obstante, a alfabetización sanitaria limitada non só se restrinxe ás persoas con baixa educación. En países ricos, como en Europa, a prevalencia da baixa alfabetización sanitaria oscila entre o 30% e o 60%. De feito, a alfabetización sanitaria da poboación tamén está influenciada por factores distintos do nivel educativo, como a facilidade de comprensión pública da información dispoñible relacionada coa saúde, así como a competencia do provedor de atención sanitaria para comunicar a información ao paciente”, describen os autores desta revisión.

Os expertos tamén sinalan como factores importantes “as diferenzas culturais e as diverxencias de opinións e crenzas”, que “tamén poden influír nos comportamentos da poboación ante un problema de saúde específico, incluídos os medicamentos que se usan”. Así, recordan que, “en certos contextos, a alfabetización sanitaria sobre o uso de antibióticos era insuficiente entre as persoas con educación superior”, e “tamén se informou de coñecementos insuficientes e ideas erróneas sobre os antibióticos tanto nos países desenvolvidos como en desenvolvemento”.

AVANCES

Por último, destacan algúns avances nos últimos anos. Ao revisar os estudos, observaron que as probabilidades de uso indebido de antibióticos por parte de persoas altamente educadas diminuíron despois de 2015, o cal, din, “podería estar relacionado cos esforzos mundiais realizados pola OMS, así como coas campañas educativas e os programas de xestión de antibióticos emprendidos en moitas partes do mundo para aumentar a concienciación sobre a resistencia aos antibióticos”.

Nisto parece xogar un papel importante o acceso á Redes, xa que, como explican, “as persoas con educación superior teñen mellor acceso á información sanitaria en Internet que as persoas desfavorecidas socioeconomicamente, incluída a información sobre o uso de antibióticos”.

Por todo isto, consideran necesario “medir a interacción entre varios indicadores socioeconómicos, como os ingresos e a educación, sobre o uso indebido de antibióticos”, para comprender e controlar mellor este problema global ao que nos enfrontamos.

SITUACIÓN EN GALICIA

Este traballo chega logo de que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Consorcio de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) publicasen o pasado ano outro estudo no que se evidencia que a poboación en Galicia segue descoñecendo o problema global da resistencia aos antibióticos.

“A resistencia aos antibióticos é un fenómeno descoñecido pola poboación e percíbese como un problema individual, confundíndose o termo «resistencia» con «tolerancia»”

Os expertos da USC recordaban que “a poboación xoga un papel fundamental no mal uso dos antibióticos”, polo que consideran necesario explorar os factores que poden influír na utilización indebida destes medicamentos.

Os principais factores identificados como posibles determinantes do uso indebido de antibióticos foron a falta de coñecemento sobre os antibióticos, problemas na relación médico-paciente, problemas de adhesión e uso sen receita médica.

Pero tamén se identificaron outros factores, aínda que non foron citados expresamente polos entrevistados, como a falta de percepción do problema e a atribución externa de responsabilidade.

“A resistencia aos antibióticos é un fenómeno descoñecido pola poboación e percíbese como un problema individual, confundíndose o termo «resistencia» con «tolerancia»”, explicaban os investigadores.

Así, no seu estudo concluíron que “o público descoñece o importante papel que desempeña no avance da resistencia antimicrobiana”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta