Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2022 | Actualizada ás 14:22
Os irmáns Paula e Manuel Blanco Prol participaron no Campionato Galego de Kickboxing das modalidades "tatami sports", que se celebrou os días 5 e 6 de febreiro en Marín. Paula Blanco proclamouse dobre campioa galega absoluta en "pointfighting" e "light contact", e rematou segunda na proba de "kicklight". Pola súa banda, o seu irmán, Manuel, proclamouse campión cadete en "light contact" e subcampión en "pointfighting".
Paula e Manuel Blanco Prol, veciños de Ortoño dende o ano 2015, tiveron grandes actuacións no Campionato Galego de Kickboxing celebrado na primeira fin de semana de febreiro. Os dous irmáns, que compiten e adestran no Club ITF Noia, proclamáronse campións en varias disciplinas, nun evento clasificatorio para os Campionatos de España.
Paula Blanco, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición.
No ano 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel. Xa en categoría absoluta, gañou o Campionato de España en 2019 e 2021, un título que espera revalidar este ano.
Pola súa parte, o seu irmán pequeno, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que animou a practicar tamén este deporte. Na actualidade compite en categoría cadete menor, que inclúe nenos dos 10 aos 12 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.