Críticas a Viaqua por ter pechadas oficinas de atención ao cliente

O BNG de Soutomaior impulsa un acordo para exixir que Viaqua cumpra os pregos do contrato de atención ao público. A empresa asegura que"cumpre e aumenta" o horario de atención ao cliente estipulado no contrato,

Por Galicia Confidencial | Soutomaior | 18/02/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG de Soutomaior vén de impulsar un acordo no pleno do pasado mes de xaneiro para exixir que a empresa de abastecementos de auga Viaqua cumpra os pregos do contrato de atención ao público, "que a concesionaria incumpre sistematicamente desde hai case tres anos", alega.

Oficina de Viaqua pechada en Soutomaior
Oficina de Viaqua pechada en Soutomaior | Fonte: BNG

Así, os nacionalistas denuncian que a empresa non cumpre o prego que lle obriga a ter un horario de 20 horas presenciais mínimas de luns a venres, ademais de ter que abrir un día a semana pola tarde. "O malestar da veciñanza, que até ten que ausentarse no traballo para poder realizar moitas das xestións, segue a crecer sen que Viaqua, en conivencia co alcalde, faga nada", denuncian nun comunicado.

Neste sentido, lembran que, a pesar de vir recollido no prego de condicións, a oficina carece de acceso para persoas con mobilidade reducida, o que ten ocasionado varias queixas. O voceiro municipal do Bloque, Manu Lourenzo, cargou contra o Goberno local por permitir esta situación. “Se un veciño leva adiante unha iniciativa co Concello, está obrigado a cumprir con todo o disposto nos pregos e normativas; para as empresas debe ser o mesmo, pero o alcalde segue sen facer nada por resolver esta situación”. 

"O que está a facer Viaqua é aforrarse un salario a costa de prestar o servizo á veciñanza, desamparada por un alcalde que non defende os intereses xerais”, denuncia Lourenzo que 

conseguiu impulsar un acordo, a través dunha autoemenda da moción do BNG, para que o Concello exixa a Viaqua que, unha vez a situación da pandemia en Soutomaior “estea nuns números razonables”, abra unha tarde á semana para cubrir o horario de atención ao público presencial, mantendo a atención polas mañás.

VIAQUA


Pola súa banda, desde a empresa aseguran que  a súa oficina en Soutomaior "cumpre e aumenta" o horario de atención ao cliente estipulado no contrato, que era de 20 horas á semana, ofrecendo un servizo de atención ao cliente de 30 horas á semana, distribuído en xornadas de mañá e tarde, "desde primeiro día de xestión do servizo".

Así, en declaracións ao GC asegura que, a raíz da situación sanitaria da Covid 19, "e a fin de velar pola seguridade do sue persoal, así como da poboación", reestruturou as súas canles de atención ao cliente e a atención presencial nas oficinas para o usuario en xeral. "O obxectivo era minimizar o impacto no noso servizo de atención ao cliente e para iso habilitáronse diferentes canles de atención", sinala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta