O perigoso tándem menores e alcol: "Baixo ningún concepto se debe lograr beneficio económico a conta da saúde dos mozos"

O consumo intensivo de alcol en mozos pode causar danos persistentes no cerebro. O catedrático da USC Fernando Cadaveira analiza os seus efectos e alerta da necesidade dun cambio social para frear esta problemática: "Se non xeran o hábito de consumir alcol na adolescencia, probablemente o seu consumo adulto xa sexa moito máis moderado e lóxico".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/04/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O consumo de alcol entre a mocidade segue sendo un dos grandes retos de saúde pública na nosa sociedade. A súa normalización cultural, a facilidade de acceso e a percepción social do seu consumo como parte inherente do lecer xuvenil fan que as cifras de iniciación temperá e consumo intensivo continúen a ser preocupantes. Pero, ata que punto somos realmente conscientes do impacto que pode ter o alcol no desenvolvemento cerebral dos máis novos? Fernando Cadaveira, catedrático de Psicoloxía no Departamento de Psicobioloxía Clínica e Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva décadas investigando os efectos do consumo de alcol en mozos e adolescentes, e os seus achados son contundentes: o 'binge drinking', ou consumo intensivo nun curto período de tempo, pode causar danos estruturais e funcionais no cerebro que perduran ao longo dos anos. Con el, dende o Galicia Confidencial, afondamos na realidade do consumo xuvenil de alcol, os seus efectos a longo prazo e as claves para abordar este problema cunha perspectiva de saúde pública.

Menores consumindo alcol
Menores consumindo alcol | Fonte: Commons

Sexa como sexa, para Cadaveira, o que está claro é que esta non é unha guerra a curto prazo, senón que se librará (e xa se está librando) en moitas batallas. E, como el mesmo apunta, "para gañala precísase un cambio de mentalidade social que non é doado". Aínda que tamén quere ser optimista, porque "hai precedentes que animan, como o que aconteceu co tabaquismo". "Esa loita si se gañou, alo menos parcialmente, porque é evidente que o hábito de fumar se reduciu e que gran parte da sociedade xa non ten unha boa imaxe do tabaco, ou non ten unha imaxe positiva sobre el como a podía ter antes", sinala. Así, para o catedrático da USC sería preciso xogar as mesmas cartas no caso do alcol. Sen embargo, considera que custará máis abordar o asunto do alcol que o do tabaco, porque "somos unha das sociedades que máis alcol produce, unha das que máis comercia e unha das que máis consume, e na que esta substancia está moi normalizada". Pero, como advirte, "non se debe lograr un beneficio económico a conta da saúde dos mozos e do seu futuro, baixo ningún concepto", de maneira que aposta por "concienciarnos socialmente de que só debe haber terreo para a produción e consumo de alcol no mundo adulto, poñendo límites ao negocio".

"DEBEMOS REMATAR CON ESA IDEA DE QUE SE PODEN FACER CONSUMOS MÍNIMOS QUE MESMO PODEN RESULTAR BENEFICIOSOS: NON HAI DOSE DE ALCOL BOA"

A normalización social do consumo de alcol é o foco clave para abordar o problema e, como sostén Cadaveira, "nesa liña de mudar os contextos que son favorables a esa normalización, a nova proposta lexislativa do Goberno ten os seus puntos a favor". E é que "o simple feito de recoñecer que é importante falar desta problemática xa é loable, pero, ademais, que se diga que non debe estar en determinados espazos tamén resulta fundamental, así como que se fale de conceptos como a densidade de locais que o ofrecen". Aínda que logo á hora de levar estas propostas ao texto haxa moitos 'peros' e excepcións que fan que non teñan a efectividade coa que deberían ser plantexadas. Ademais, o catedrático da USC lembra que "en España xa houbo lexislacións que regulaban algúns destes aspectos, e mesmo algunhas que saíron adiante, pero a realidade é que, na práctica, non se están cumprindo". E pon o exemplo do que sucede coa prohibición da venda de alcol a menores, xa que, "aínda que así o recolle a normativa, non se está cumprindo, porque na realidade o control sobre a idade de acceso ao alcol é absolutamente mínimo", tal e como demostran as enquisas nas que se pregunta aos adolescentes onde conseguen o alcol, vendo que as súas respostas van dende o supermercado ata o bar, pasando por locais de venda 24 horas.

"Para abordar un problema, o primeiro é ser consciente del", resalta Cadaveira, que asegura que, no tocante ao alcol, na actualidade "probablemente nos atopamos nunha fase tan incipiente como facernos socialmente consciente de que o seu consumo pode ser problemático". E tamén fai fincapé na necesidade de rematar coa idea de que se poden facer consumos mínimos desta substancia que mesmo poden resultar beneficiosos, como esa idea que se repite constantemente de que unha copa de viño á hora de comer mesmo é bo para a saúde. "Iso é un conto, hoxe en día está demostrado que esas crenzas non son máis que edulcorantes para vender o consumo do alcol como algo positivo, o cal lle interesa á industria, cando o certo é que non hai dose de alcol boa", sinala. Agora ben, tamén concede que "outra cousa é que haxa niveles mínimos, sobre todo a partir de determinadas idades, que poden conlevar menor preocupación que entre os menores". Pero o importante, en calquera caso, segue sendo erradicar esas ideas tan instaladas na sociedade que rematan aceptándose como verdadeiras sen cuestionamentos e contribuíndo, novamente, á normalización do consumo.

Alcol intervido a varios menores que facían botellón
Alcol intervido a varios menores que facían botellón | Fonte: POLICÍA FORAL - Arquivo

"A PAUTA DE CONSUMO QUE TEÑEN OS MOZOS ACTUALMENTE, O 'BINGE DRINKING', CAUSA DANO ESTRUTURAL E FUNCIONAL PERSISTENTE NO CEREBRO"

O alcolismo non ten idade, tal e como se puido demostrar nos últimos anos. Cadaveira lembra que, "cando eu comezaba a traballar sobre o alcolismo crónico, hai case 40 anos, a comunidade científica estaba convencida de que os mozos estaban protexidos respecto ao consumo de alcol", pois "había algúns indicadores comportamentais que nos facían pensar que os problemas co alcol producíanse, sobre todo, en adultos, particularmente a partir dos 40 anos, aproximadamente". Sen embargo, investigacións realizadas en modelos animais nos Estados Unidos, arredor dos anos de 1995 a 2000, "demostraron que, xustamente, a pauta de consumo que teñen os mozos actualmente, o consumo intermitente --grandes inxestas nun curto período de tempo, o que recibe a denominación de consumo en atracón ou binge drinking--, probado en ratas, causaba dano estrutural e funcional no cerebro e de maneira persistente", resalta o catedrático da USC. Dende que eses estudos viron a luz, o grupo de Cadaveira adicouse a estudar exhaustivamente os efectos no cerebro de mozos de 18 anos. Por que a esa idade? "Por unha banda, porque traballar con menores en España conleva unhas implicacións moi delicadas; e, por outra, porque para que os resultados fosen fiables e se puidesen apreciar realmente os efectos do alcol, precisábase analizar a situación de persoas que xa levasen un tempo consumindo".

"Estudamos os efectos deste consumo de todas as maneiras posibles, empregando técnicas de resonancia magnética estrutural e funcional, test neuropsicolóxicos, avaliacións electroencefalográficas... Analizamos a problemática dende moitas perspectivas e atopamos varias evidencias", sinala Cadaveira. Entre elas, apunta a unha "moi evidente", que é a afectación do consumo de alcol á formación de novas memorias. Máis en concreto, sinala que "durante os procesos que requiren de atención e de control comportamental por parte dos mozos, aínda cando non están bébedos e pasaron dous ou tres días dende a última vez que consumiron a substancia, atopamos rendementos anómalos naqueles que facían un consumo intensivo de alcol --consumo de 5 ou máis bebidas alcólicas se se trata dun home e 4 ou máis bebidas alcólicas se se trata dunha muller nun período de dúas horas--". Ademais, tamén asegura que "vimos que eses problemas chegan a ser persistentes nalgunhas persoas cando fixemos seguementos a catro ou cinco anos vista, mesmo cando esas persoas, coa idade, rebaixan o nivel crítico de consumo". "Isto é algo que nos debe preocupar moito", resalta, polo que "como sociedade debemos mentalizarnos dos problemas derivados do consumo de alcol en menores, sobre todo tendo en conta que o seu cerebro é máis vulnerable a esas idades, xa que, actualmente, a idade media de comezo do consumo está en algo menos dos 14 anos, habendo moitos que xa empezan aos 12, idades ambas críticas para a maduración cerebral".

"PARA GAÑAR ESTA LOITA, TEMOS QUE CONSEGUIR QUE OS MOZOS NON BEBAN ALCOL ATA, ALO MENOS, A MAIORÍA DE IDADE"

Así mesmo, o catedrático da USC chama a atención sobre o feito de que "certos consumos a determinadas idades predín os consumos adultos". Polo tanto, "para gañar esta loita, temos que conseguir que os mozos non beban alcol ata, alo menos, a maioría de idade", sostén, alegando, entre outras cousas, que, "se non xeran o hábito de consumir alcol na adolescencia, probablemente o seu consumo adulto xa sexa moito máis moderado e lóxico". E é que hai que recordar que "os mozos beben ata emborracharse para poder desinhibirse e ter unha relación máis fácil cos seus iguais", principalmente, algo que, cando chegan a adultos, xa non precisan. Tanto é así que, como sinala Cadaveira, "cando os mozos chegan á idade adulta, arredor dos 20 ou 21 anos, o seu patrón de consumo muda e pasan de atracóns a consumos máis regulares". Agora ben, "se hai algúns que xa veñen de consumos abusivos e intensivos en anos previos, cando se fagan adultos, seguirán con eses consumos abusivos e intensivos, entendendo estes como aqueles que están por enriba do criterio que a Organización Mundial da Saúde (OMS) define como consumo de risco --4 unidades de bebida estándar (UBE), uns 40 gramos de alcol no varón; e 2 UBE na muller, uns 20 gramos--". Pola contra, "se ti non bebeches alcol previamente e debutas tarde no alcol, por exemplo, chegada a maioría de idade, o teu cerebro xa presenta algo menos de vulnerabilidade a esa substancia, e tampouco terás xerado un mal hábito de consumo abusivo".

Menores consumindo alcol
Menores consumindo alcol | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta