Por Galicia Confidencial | OLEIROS | 19/02/2022 | Actualizada ás 09:40
Unha exposición que percorre as historias dos 240 millóns de nenas de todo o mundo que sofren situacións de desigualdade, violencia e falta de oportunidades aterrará este luns 21 de febreiro ás 19:00 na Casa da Mocidade do Concello de Oleiros. Trátase da exposición 'La luz de las Niñas', unha iniciativa de Entreculturas que se enmarca dentro do programa do mesmo nome que pretende visibilizar a situación de violencia física, psicolóxica e sexual que sofren as nenas en todo o mundo.
Na inauguración que terá lugar o vindeiro luns 21 de febreiro estarán as representantes das dúas entidades que colaboran nesta ocasión. Por unha banda, desde a ONG Entreculturas asistirán José Luis Barreiro (coordinador territorial de Galicia e Asturias) e Carmen Soler (delegada de Entreculturas A Coruña), arroupados polo seu equipo de voluntarios; doutra banda, desde o Concello de Oleiros asistirán diferentes representantes da corporación municipal destacando as concellerías de Igualdade, Mocidade e Educación. O evento está aberto a todos os públicos, aínda que en todo momento se controlará a capacidade da sala debido á situación sanitaria.
A exposición forma parte dun proxecto moito maior: un programa que pretende diminuír a situación de violencia física, psicolóxica e sexual que sofren as nenas de todas as partes do mundo. A exposición resume as historias deses 240 millóns de nenas a trevés de 4 historias reais con 4 protagonistas: Kim, Mireille, Sima e Michel Ange. Por medio delas explícanse situacións como o matrimonio forzado, a mutilación xenital feminina, a violencia psicolóxica... "É unha forma de facer brillar a súa luz, concienciar á sociedade e presentar o dereito á educación como oportunidade fundamental para transformar vidas", sinalan dende Entreculturas.
A exposición está dirixida a todos os públicos e de xeito especial á mocidade, concretamente a aqueles e aquelas mozas que sintan inquedanzas por coñecer as realidades ou circunstancias que viven as mulleres noutros recunchos do planeta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.