Por Galicia Confidencial | FERROL | 23/02/2022 | Actualizada ás 15:15
A Federación Ecoloxista Galega, en resposta á solicitude da Subdirección General de Evaluación Ambiental do MITECO, vén de enviar un informe relativo ao proxecto de construción do Parque Eólico Mariño Flotante Nordés e de sumarse así ao seu rexeitamento. A Federación Ecoloxista Galega esixe que se poña fin á tramitación deste eólico dadas as "profundas deficiencias, a falla de concreción e análise e mesmo o afán de enganar que transmite o Documento de Inicio" presentado pola promotora.
O Parque Eólico Mariño Flotante Nordés, cunha potencia instalada de 1,2W fronte as costas da Coruña e Ferrol e unha área de ocupación de 268km2 para a instalación de 80 aeroxeneradores de 261m de altura, está promovido por Blue Float Energy e SENER Renewable Investments. As razóns que esgrime a FEG para opoñerse á instalación deste complexo eólico son, ademais das afeccións ao ecosistema e a repercusión negativa nos recursos pesqueiros, as "profundas deficiencias" do documento de inicio presentado pola promotora.
Así, segundo indican dende a FEG, o documento presentado por Blue Float Energy e SENER
Renewable Investments posúe "serias deficiencias de contido e método" e non resposta ás esixencias do artigo 34 da Lei 21/2013 de avaliación ambiental que pide que calquera documento de inicio conteña “un diagnóstico territorial e do medio ambiente afectado polo proxecto”. Algo que non incorpora o documento e "non é froito do esquecemento senón máis ben da intención de disimular e mesmo ocultar os graves danos ambientais, económicos e sociais" que provocaría a construción do PEMF Nordés.
A Federación Ecoloxista Galega sinala que o Documento de Inicio debería realizar un diagnóstico do medio oceánico ocupado e da zona do continente á que chegarán as liñas de evacuación da electricidade producida. E que para ese diagnóstico sería preciso, entre outras cuestións, o estudo dos fondos para cartografar dunha forma detallada a diversidade de tipos e subtipos de substratos, un estudo da biota bentónica (do fondo) e planctónica e nectónica (da columna de auga); así como tamén os diversos parámetros oceanográficos e a súa distribución en profundidade. Ningún destes estudos, indica a FEG, figura no documento da promotora.
"Xa que na zona existen importantes ecosistemas, é facilmente previsible que o dano á
biodiversidade que se produciría sería incompatible co proxecto", apunta a organización. Ademais, a Federación Ecoloxista Galega apunta que tamén se verán afectadas especies de interese pesqueiro, algo que xa denunciado polo propio sector. "Se ben é certo que os caladoiros da zona están sobreexplotados, non cabe dúbida de que permitindo a súa recuperación e xestionados de modo sostible poden ser unha importante fonte de alimento e recursos económicos para o futuro", incide a FEG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.