Feijóo gaña apoios e ponse a disposición do partido para liderar o PP tras a caída de Pablo Casado

Pablo Casado, convocou finalmente o vindeiro martes a reunión da Xunta Directiva Nacional do PP para celebrar o XX congreso nacional do partido. Os baróns do PP consuman o abandono a Casado logo dunha mañá frenética que deixa a porta aberta á elección de Feijóo como novo líder. Este vén de apuntar a súa dispoñibilidade para liderar o executivo estatal, atentendo ao que "o partido pida que faga".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/02/2022 | Actualizada ás 10:18

Comparte esta noticia

O líder do PP, Pablo Casado, convocou finalmente o vindeiro martes a reunión da Xunta Directiva Nacional do PP para celebrar o XX congreso nacional do partido, que terá carácter extraordinario, segundo informaron fontes do partido.

Nas últimas horas, numerosos cargos do núcleo duro de Pablo Casado pediron publicamente a convocatoria dese conclave extraordinario, como Cuca Gamarra, Javier Maroto, Ana Pastor ou Andrea Levy, e sinalaron que esa petición xa a trasladaron este martes na reunión do comité de dirección, que se prolongou máis de dúas horas.

A reunión da Xunta Directiva será finalmente o próximo 1 de marzo tras as queixas do presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno, por coincidir co Día de Andalucía.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente do PP, Pablo Casado, pousan á súa chegada á última Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña de 2021, a 17 de decembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente do PP, Pablo Casado, pousan á súa chegada á última Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña de 2021, a 17 de decembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press

FEIJÓO PIDE CAMBIOS INMEDIATOS

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, elevou a contundencia da súa mensaxe para advertir este martes que a formación popular necesita "cambios, novas etapas e novos horizontes", antes de subliñar que "todos" no partido están chamados a traballar para buscar unha solución á crise interna e a "tomar decisións", empezando por el mesmo.

"Todos, eu entre eles, debemos ter a responsabilidade de estar á altura das circunstancias. Todos somos responsables da situación. Todos debemos estar á altura das circunstancias e tomar decisións, eu entre eles. E tomarei as decisións en función do que observemos no partido e o partido pida que faga", sentenciou, en declaracións aos medios nun acto en Pontevedra. Feijóo abre así a porta á máis que probable elección como líder estatal xa que case todos os líderes autonómicos do partido se postularon xa contra Pablo Casado e en favor da súa elección nun congreso extraordinario. 

O 'barón' galego aludiu ao encontro previsto para este mércores na sede do PP en Madrid, ao que prevé acudir, e incidiu na relevancia de dar pasos inmediatos, fronte ao anuncio co que culminou a pasada xornada, a convocatoria dunha Xunta Directiva para o luns, que foi recibido con insatisfacción na dirección do PP autonómico.

Precisamente, preguntado acerca de que Díaz Ayuso non vaia a estar presente nesa cita de baróns ao non ser presidenta do partido en Madrid, constatou a súa sorpresa e subliñou que descoñece a "categoría" na que se convoca o encontro, pero advertiu que un presidente dunha Comunidade ocupe ou non o equivalente cargo orgánico "é unha persoa moi relevante", dando a entender que debería estar.

Todo iso, na mesma xornada na que a maior parte dos líderes autonómicos do partido se foron pronunciando favorables a que Pablo Casado dimita, o que, unha vez 'autodescartada' Isabel Díaz Ayuso, dá forza á 'vía Feijóo'.

"DESBLOQUEAR A SITUACIÓN DE COLAPSO"

Preguntado sobre o encontro previsto para este mércores, o presidente galego apuntou que "o obxectivo" é conseguir "desbloquear" a situación de "colapso" na que, baixo o seu punto de vista, está o partido "no últimos catro ou cinco días".

Así as cousas, reivindicou a necesidade de impulsar "cambios" na formación para lanzar "unha mensaxe de tranquilidade, seriedade e optimismo" a quen confían no PP como líder da oposición en España. O reto último, reivindicou, é activar "unha nova etapa de ilusión e consolidación da alternancia do PP en España". "E ímolo a facer", advertiu.

Feijóo remarcou que o obxectivo non é só cambiar persoas, senón que admitiu que, quen piden cambios, grupo que encabeza el mesmo, debe pór propostas enriba da mesa. E, co foco nun congreso, remarcou que a decisión última sobre o temón do partido corresponde "aos militantes", xa que "hai que dar voz á xente".

"O PARTIDO TEN QUE DECIDIR O FUTURO DO PARTIDO"

"O partido ten que decidir o futuro do partido", sentenciou, para engadir que "así non se pode seguir", e que son os dirixentes da formación os que teñen que ocuparse de "solucionar os problemas orgánicos".

"O importante non é que nos sentemos nun diván e preguntarnos que debemos facer; o importante é dar respostas a unha alternancia democrática que España necesita", esgrimiu, antes de remarcar que, á espera de podelo "dicir" Casado este mércores, os pronunciamentos de baróns e cargos están a ser "claros" e máis "nítidos" se cabe este martes.

Feijóo engadiu que, ao seu modo de ver, estas voces "teñen razón". "Necesitamos cambios, novas etapas e novos horizontes. Para iso, necesitamos incorporar xente que poida garantir novas etapas e horizontes con responsabilidade e acougo, pero con determinación", agregou, para concluír que, nesta conxuntura, non lle "sorprendeu" a dimisión de Almeida.

Segundo o dirixente galego, Almeida viña trasladando "desde hai tempo" a súa postura e as eleccións municipais "aproxímanse", polo que ve lóxico que se "centre" en Madrid.

"Neste momento, na situación na que estamos, todos, e cando digo todos, eu estou entre eles, debemos ter a responsabilidade de estar á altura das circunstancias", resolveu.

APOSTAN POR FEIJÓO

O PP de Andalucía, que avoga pola celebración dun congreso nacional extraordinario do Partido Popular nuns "30 días" do que salga un proxecto "a longo prazo", considera que quen debe asumir o liderado é Alberto Núñez Feijóo. Segundo fontes do PP andaluz, cren que o líder galego debe tomar as rendas de maneira "definitiva" e non dunha forma "transitoria".

Este mesmo martes, o portavoz do PP andaluz, Ramón Fernández-Pacheco, deixaba clara a posición dos populares andaluces: A convocatoria dun "congreso extraordinario" da formación a nivel estatal que se celebre "canto antes" e do que o Partido Popular salga "máis unido que nunca".

"Agora é o momento do diálogo para que se convoque un congreso extraordinario no PP canto antes, e do que o PP saia máis unido que nunca", recalcou.

Na mesma liña pronunciáronse este martes os presidentes provinciais do PP en Andalucía, que coincidiron en reclamar a convocatoria urxente dun congreso extraordinario "canto antes".

Pola súa banda, o Comité de Dirección Autonómico do PP en Aragón decidiu, por unanimidade, pedir a celebración dun congreso extraordinario do partido no ámbito estatal "que acabe con esta etapa e abra unha nova". Ademais, o líder dos 'populares' aragoneses, Jorge Azcón, eloxiou a figura do presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como unha "referencia" de "valor" ante a crise interna.

Segundo Azcón, Feijóo, que "ten catro maiorías absolutas ás súas costas", logrou afianzar ao Partido Popular na Xunta de Galicia con independencia "de que os ventos lle soprasen a favor ou en contra ao PP" e "en momentos extraordinariamente complicados".

"Ninguén en España ten o currículo de Núñez Feijóo, posiblemente ninguén en Europa", nin a súa "bagaxe". "Isto non é unha valoración, é un feito", sentenciou Azcón, aínda que poida haber quen "non o vexa".

Feijóo xa ten apoios seguros en Andalucía, Madrid, Castela e León, Aragón, Andalucía e Cantabria. O portavoz do Goberno madrileño que dirixe Isabel Díaz Ayuso, Enrique Osorio, sinalou que o presidente da Xunta é a "mellor" opción para liderar o PP e criticou que a actual dirección nacional busque gañar tempo cando "o xuízo dos militantes" está ditado.

Tamén expresou publicamente ese apoio a Feijóo a presidenta do PP de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga, que cre que Casado debe dar un "paso á beira", ou o alcalde de Málaga, Francisco da Torre, que ve ao barón galego como "un gran activo".

Ese apoio a Feijóo tamén veu da exportavoz do Grupo Popular no Congreso Cayetana Álvarez de Toledo, quen ve no presidente da Xunta a opción parar pilotar a transición no PP ata a celebración dun congreso. Iso si, animou a concorrer a ese conclave a Isabel Díaz Ayuso, aínda que ela mesma se apartou desa carreira este luns, asegurando que o seu "sitio" é Madrid.

REACCIÓNS

As declaracións de Feijóo chegan así despois de que os deputados galegos do PP, dous deles membros da dirección que encabeza Pablo Casado, se aliñaran coa postura que abandeira o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, secundaron nas súas redes sociais o manifesto que urxe unha dirección provisional e un congreso extraordinario. Un paso máis aló foi a ourensá Ana Belén Vázquez, Ana de Bande, quen anunciou que dimite como responsable de Política Exterior na executiva nacional.

"Quero agradecer a Pablo Casado a confianza depositada e que seguín apoiando ata o pasado xoves, pero visto que non hai cambios, toca irse! E tras escoitar a moitos afiliados dimito", manifestou no seu perfil da rede social Twitter a dirixente ourensá, que tamén está na dirección da formación na provincia, que dirixe Manuel Baltar, quen ao principio da crise aberta en Madrid trasladara a súa "lealdade" a Casado.

Baltar e o resto de presidentes provinciais non se pronunciaron publicamente polo momento tras a mensaxe lanzada polo seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, pedindo a Casado unha "última decisión", nin despois de que este optase por anunciar a convocatoria dunha xunta directiva para o luns, solución insatisfactoria para os baróns aliñados co líder do PP galego, entre eles a propia Ayuso.


Pero seguiron os pronunciamentos, e se o presidente de Novas Xeracións en Galicia, Adrián Pardo, sumábase este luns ao manifesto impulsado en reivindicación dunha cúpula provisional e dun congreso extraordinario urxente, este martes seguiron os seus pasos a propia Ana Belén Vázquez e o lucense Jaime de Olano, tamén membro da dirección nacional, así como o pontevedrés Javier Bas.

Tamén o fixo a compostelá Marta González, esta última exvicesecretaria de Comunicación con Casado e deputada pola provincia da Coruña. "Quen estivemos pedindo perdón a afiliados e simpatizantes polo que pasa no PP, temos o deber ético de dar un paso porque o país necesita un PP á altura", proclamou. Os deputados, un de cada provincia e dúas deles ata agora na dirección de Casado, forman parte, do mesmo xeito que o resto de parlamentarios das Cortes, da Xunta Directiva Nacional, o órgano máis amplo e con máis autoridade entre congresos na formación popular.

FALTA DE APOIO ENTRE OS LÍDERES REXIONAIS

Case todos os presidentes autonómicos e rexionais do PP coinciden en que Pablo Casado debe marchar e débese convocar canto antes un congreso extraordinario para poder dar solución a esta profunda crise interna que atravesa o partido. Así o solicitarán na reunión que se convocou este mércores en 'Xénova' ás 20.00 horas, segundo informaron a Europa Press fontes próximas aos 'baróns' territoriais.

Os presidentes do PP están a manter nas últimas horas un cruzamento frenético de chamadas e mensaxes para coordinarse ante ese encontro presencial que convocou Casado este 23 de febreiro na sede nacional do partido. A maioría coincide en que o líder do PP debería dar este mesmo martes un paso atrás e convocar un congreso extraordinario canto antes para que o partido poida saír desta situación que o "está desangrando día a día", sinalaron as fontes consultadas, que admiten que cada día cobra máis forza a 'vía Feijóo' que levantaría ao presidente da Xunta á fronte do partido.

Así, se ata agora o murciano López Miras brindara o seu apoio a Casado e a Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, este martes o presidente murciano desmarcouse ao esixir publicamente a convocatoria dun congreso extraordinario alegando que a situación é "insustentable". Ao seu entender, débense tomar decisións "urxentes" e a situación cambiou "moito e a peor" desde o pasado xoves.

Neste momento, Pablo Casado só contaría co apoio fiel da presidenta do PP de Navarra, Ana Beltrán, quen á súa vez forma parte do núcleo duro do líder 'popular' como responsable de Organización do partido. Con todo, dentro do PP navarro tamén se cuestiona o liderado de Casado e deféndese un conclave urxente. Así, o secretario xeral da formación na Comunidade Foral, José Suárez, e a concelleira do PP en Pamplona, Carmen Alba, quen ademais fose delegada do Goberno en Navarra, coincidiron hoxe en reclamar un congreso ante a crise interna.

CADA VEZ MÁIS DESERCIÓNS

Nas últimas horas creceron as desercións dentro do Grupo Popula e dentro do propio comité de dirección de Pablo Casado. Así, presentaron a súa dimisión Belén Hoyo, presidenta do Comité Electoral Nacional, e Ana Vázquez, secretaria nacional de Emigración. Paralelamente, numerosos deputados --como Jaime Olano, que está no comité de dirección de Casado-- secundaron un manifesto no que se pide a marcha de Casado e que unha dirección provisional dirixa o partido ata o congreso.

Por agora, o equipo máis fiel de Casado resiste e está disposto a dar a batalla. Onte á noite, fontes próximas ao líder 'popular' aseguraron a Europa Press que segue contando co apoio da maioría dos presidentes provinciais. Paralelamente, un grupo de dirixentes do Grupo Popular no Congreso subscribiron un comunicado conxunto pedindo a destitución inmediata do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, e a convocatoria dun congreso extraordinario par resolver a crise interna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta