Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 15:49
O prazo para a solicitude de admisión nos centros escolares para o próximo curso 2022/23 ábrese o próximo 1 de marzo e permanecerá aberto ata o 21. Está destinado a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo --maioritariamente en 4ª curso de infantil--, así como aqueles de infantil, primaria, ESO e bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas publicaranse o 25 de abril e as definitivas antes do 15 de maio. Os prazos para formalizar a matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para o alumnado de infantil e primaria e do 25 ao 10 de xullo, para o de ESO e bacharelato.
A Consellería de Educación pon a disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación 'admisionalumnado', que posibilita cubrir a solicitude na propia app, marcar os criterios do baremo que, chegado o caso, se quere que se valoren, e presentala de forma presencial no centro ou vía electrónica a través da propia aplicación.
Desta forma, a Xunta quere "garantir" o dereito á cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo a posibilidade de presentar a solicitude de forma presencial. Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento, utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor que firme.
Como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar este mesmo mércores na Consellería de Educación, en caso de empate de puntos, para unha mesma praza, a prioridade establecida neste sorteo foron 'V' e 'O' para o primeiro apelido e 'A' e 'Z' para o segundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.