Por Galicia Confidencial | Sobradelo de Valdeorras | 21/11/2024 | Actualizada ás 09:00
Máis de 60 persoas reuníronse o pasado 18 de novembro na sede do Centro Tecnolóxico da Lousa, en Sobradelo de Valdeorras, para asistir aos relatorios que realizaron expertos en materia de prevención de riscos laborais e hixiene industrial.
O presidente da Agrupación industrial, Víctor Cobo Arias, durante a súa intervención, destacou a necesidade de que “a Consellería de Economía e Industria siga mantendo, para o próximo ano e os seguintes, as axudas ás empresas para minorar os índices de po de sílice en suspensión”.
Nesta liña pronunciouse o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen lembrou que a Xunta manterá o compromiso que iniciou en 2018, cando lanzou “unha liña de axudas para combater o po de sílice, por valor de máis de catro millóns de euros”. Esta cantidade, únese á realizada polas propias empresas do sector, que rolda os oito millóns de euros.
RETOS PARA A PREVENCIÓN NA INDUSTRIA DA LOUSA
O doutor enxeñeiro de Minas e experto en Hixiene Industrial, Javier Madera García, explicou que “malia a falta de medios”, o sector da lousa realizou “unha adaptación proactiva, exemplar” na que o apoio da Xunta “foi clave” para ver o futuro "con optimismo”.
Tamén falou dos valores de concentración de po de sílice establecidos como límite, algo que non garante a seguridade dos traballadores, e instou ao sector a seguir traballando no camiño no que o está facendo, adaptando a súa actividade ás esixencias do momento, sen detela. O obxectivo agora ten que ser “actualizar o modelo sectorial para poder facer prevención e non perder o tempo”.
Sobre a eliminación do po de sílice e os servizos de prevención, falou Mari Luz Álvarez Arias, técnica en Prevención de Riscos Laborais da entidade Saúde Laboral Galega. Explicou que coa entrada da nova normativa hai tres anos, “o sector enfrontouse a un reto”, baseado no desenvolvemento dun “procedemento de traballo novo”, co que se conseguiu “un maior control sobre o po de sílice, con medicións máis precisas e máis representativas do que realmente ocorre nunha nave de elaboración de lousa”.
Para esta experta, o logro que o sector conseguiu, que considera realmente importante, é que se iniciou “un camiño de mellora continua para mellorar a saúde dos traballadores”, un avance que permite “contribuír á prevención de enfermidades respiratorias e crear unha contorna laboral máis segura para todos”.
MELLORAS IMPLEMENTADAS NAS EMPRESAS E CONCIENCIACIÓN INDIVIDUAL
Os enxeñeiros Eduardo García Campos e Daniel León González, falaron sobre as melloras xa implementadas nas empresas, en materia de redución á exposición ao sílice nas industrias do sector. A humectación nas fases de corte e serrado, a dilución ou introdución de aire limpo nas naves, o encapsulado do traballador en diferentes postos de traballo, a aspiración individual en cada posto, ou a protección de cada traballador, foron temas postos enriba da mesa. Tras realizar un percorrido polas melloras realizadas en cada fase, a conclusión é que “hai aínda moito que probar; a clave é atopar un compromiso entre custo, beneficio e que sexa viable”.
Na xornada concluíuse, pois, que o sector da lousa avanzou en materia de prevención pero tamén na concienciación dos traballadores. “Non serve de nada que che gastes tres millóns de euros e a xente non se protexa, o cambio é importante desde o punto de vista cultural”, afirmou Daniel León. Isto é algo que a través dos anos, foi materializándose, aínda que os expertos coindicen en que hai que seguir avanzando, “porque podemos desenvolver tests de tamaño e axuste de cada máscara, pero eles son os que deben tomar conciencia de que é a protección máxima da que dispoñemos”, concretou Eduardo García.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.