Por E.P. | Vilagarcía de Arosa | 23/02/2022 | Actualizada ás 20:10
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que o conflito existente entre bateeiros e percebeiros orixinouse pola "torpeza" da Consellería do Mar que, segundo denunciou, tomou "decisións ás costas dos sectores implicados e sen ningún diálogo previo".
González Formoso fixo estas declaracións en Vilagarcía tras manter unha reunión cos representantes do sector mexilloeiro. Ao termo da mesma, o líder dos socialistas galegos manifestouse "moi gratamente sorprendido" polo ton construtivo dos bateeiros.
"Os seus representantes están a manter unha actitude moi positiva, apostando por sentar a dialogar nunha mesa a tres bandas e tentar arranxar o problema. É de agradecer a flexibilidade que mostran para arranxar o conflito", sinalou.
O líder socialista declarou que ve "preocupados" aos mexilloeiros "porque vai chegar a tempada de reposición do mexillón e non van ter posibilidade de acceder a el". Na súa opinión, é normal que manifesten "todas as inquietudes que pode ter un sector produtivo que necesita unha semente para poder recoller despois o froito".
González Formoso solicitou á Consellería do Mar "que sente ás partes, a dous sectores que en Galicia" se consideran "estratéxicos". Ademais, lembrou que entre os dous colectivos, aínda que houbese demandas históricas, "conviviron perfectamente e nunca houbo un conflito".
Tras a súa reunión deste mércores cos mexilloeiros, González Formoso anunciou que se reunirá a próxima semana cos percebeiros co obxectivo, segundo explicou, de "valorar o escenario, cales son as súas preocupacións a curto prazo e valorar a actuación da Administración".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.