Por Galicia Confidencial | OURENSE | 24/02/2022 | Actualizada ás 19:50
O partido da ultradereita Vox relacionou o aumento das liortas na cidade de Ourense coa presenza de "inmigrantes" malia que, máis outra vez, carecía de ningún tipo de dato que sustentara tal información. As opinións do partido foron publicadas polo diario 'La Región' (Vox liga el aumento de las peleas a los inmigrantes) e censuradas pola formación Xuntos Carballo Por Un Mundo Máis Xusto, que pertence a nivel estatal ao partido M+J.
A formación denuncia a falsidade das declaracións, pois o sindicato de policía JUPOL (con quen mantiveron contacto) asegura que mantiveron unha reunión con Vox para trasladarlles as súas reclamas pero en ningún momento facilitaron ningún dato ou estatística que relacionara o suposto aumento de liortas coa poboación migrante.
Desde o partido 'Por Un Mundo Máis Xusto' esixen a Vox "máis rigor" na súa actividade política, e solicitan aos medios de comunicación contrastar información antes de publicala "cando se sinalan a sectores da sociedade vulnerables, como a comunidade migrante". Diríxense tamén á sociedade ao pediren "colaboración para que os máis vulnerables deixen de ser sinalados como os causantes dos problemas que sufrimos, e pasen a ser coidados e tratados dignamente".
Segundo o candidato de M+ J en Ourense, Rafael Manuel Fernández Alonso “o mesmo fixo Vox co cartel no metro de Madrid sinalando ao colectivo máis vulnerable que se pode imaxinar pola súa condición de menores migrantes non acompañados” explicando ademais, que desde entón M+ J ocupa ese mesmo espazo publicitario protexendo a estes menores e relatando as súas historias de éxito.
A formación considera que o incremento da violencia principalmente na xente nova débese ao grao de ansiedade e crispación froito da pandemia, do estrés que leva aparellado. "Poñer como culpables a un grupo concreto de persoas, é sinxelamente estigmatizar a un sector da poboación pola súa orixe, sementando odio e xenofobia entre a cidadanía", zanxan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.