Por Galicia Confidencial | A MARIÑA | 24/02/2022 | Actualizada ás 20:30
Movida polo espírito de experimentación constante e baixo a inspiración de arquitecturas sonoras tan diferentes como a música barroca, o metal, o techno, os cantos tibetanos, os o folk irlandés e bretón ou o son máis chamánico, a artista mariñá Ugia Pedreira trae agora novo álbum. Chega despois de 12 discos gravados e asinado como "A Pedreira".
Leva por título 'Segmento Cantábrico' e é un disco de folk progresivo que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outros sabores da world music europea e o folk americano. Produciuse da man do produtor e tamén compositor bretón Pierre-Yves Rougier. O concerto de presentación de 'Segmento Cantábrico' terá lugar o 12 de marzo no Auditorio municipal Hernán Naval (Ribadeo), ás oito da tarde.
O álbum adxunta ademais un minipoemario no que, baixo 'Atalaia Norte', Ugia Pedreira plasma nos seus versos a inspiración que desde nena lle proporciona a conexión "por vía marítima coas tribos, clans e pobos bañados polo Océano Cantábrico, desde Ortegal, en Galicia, á illa de Ouessant, na Bretaña francesa".
Velaquí o tema de presentación do álbum 'Segmento Cantábrico', 'Mares sucados':
A melodía de 'Mares sucados' é de Ugia Pedreira, a letra do pintor e poeta vigués Enrique Gavilanes e o videoclip de Eloy Couceiro, coa colaboración de artistas do grupo de amizades que rodean a cantora no seu lugar de residencia, na fronteira galego-asturiana.
Ugia Pedreira fora voz de Marful, Nordestin@s, Acrobata ou Ecléctica Ensemble. Prepara agora o lanzamento do seu primeiro traballo en solitario, asinado co seu apelido. Unha colección de once temas e poemas "que nos transportan ao novo universo musical e poético d'A Pedreira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.