A falta de pago fai que Política Social rescinda o contrato cunha empresa de seguridade de centros para menores

Ante a falta de resposta tras varios requirimentos e no marco dos prazos establecidos pola normativa, a Xunta "iniciou expediente de imposición de penalidades".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social rescindiu o contrato coa empresa de seguridade Mersant Vixilancia, que afecta a 17 centros, entre eles dous de menores en Rábade e Pontevedra, pola falta de pagamento de catro nóminas aos seus traballadores e contratou de emerxencia "un servizo de reforzo" á espera de volver licitar a prestación.

Así o explicou este xoves a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, Francisca Gómez, en resposta a unha pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil sobre a situación dos servizos de vixilancia e seguridade nos centros de menores Santo Anxo de Rábade e Avelino Montero de Pontevedra.

A secretaria xeral lembrou que cando se licitou este servizo a empresa adxudicataria, Mersant Vixilancia, xustificou a súa solvencia e acreditou que estaba ao día das súas débedas de novo en agosto de 2021, polo que se lle prorrogou o contrato por outros 12 meses como recolle o prego da prestación.

Así, explicou que cando a Consellería de Política Social tivo coñecemento da falta de abono das nóminas aos traballadores requiriu formalmente á empresa que xustificase os atrasos nos pagos. Ante a falta de resposta tras varios requirimentos e no marco dos prazos establecidos pola normativa, a Xunta "iniciou expediente de imposición de penalidades".

En xaneiro de 2022 tentaron por parte da Xunta reunirse cos representantes da empresa para requirirlles o abono das nóminas aos traballadores, pero non asistiu ningún, asegurou Francisca Gómez. Por iso, iniciouse o proceso para resolver o contrato con Mersant, que quedou rescindido a data 1 de marzo, "o primeiro día que legalmente se podía".

A parlamentaria do BNG criticou que estes traballadores non cobraban os seus salarios desde decembro de 2021 e preguntou por que a Xunta non lles informou de que sucedía coa empresa. Respecto diso, apuntou que os centros afectados abarcan desde centros de menores, residencias de maiores, casas do mar, centros educativos e de persoas con discapacidade.

Tamén Rodil reprochou que esta empresa "é ben coñecida en Galicia e fóra por falta de pagamentos na seguridade privada" dos hospitais de Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense, e en Sevilla.

DESDE O 5 DE MARZO

Fronte a iso, Francisca Gómez defendeu que a Administración galega "actuou de forma diligente", segundo a lei de contratos do sector público e "resolveu a situación de falta de pagamento no menor tempo posible", segundo os prazos legais. "Actuouse da forma máis diligente posible", insistiu para sentenciar que "non se puido resolver antes o contrato" con Mersant.

Tras incidir a secretaria xeral que "a Xunta non é responsable e lamenta as dificultades" dos traballadores, para non "consentir" unha rebaixa da seguridade en centros con menores en custodia procedeu á "contratación de emerxencia dun servizo de reforzo de vixilancia e seguridade" co fin de, matizou, "cubrir as quendas que quedaban descubertos".

Unha vez resolto o contrato con Mersant, a secretaria xeral técnica incidiu en que a Consellería de Política Social "vai volver a licitar" a prestación deste servizo. Así, asegurou que a nova empresa, que "estará ao día das súas obrigacións tributarias", entrará en funcionamento "ás 00,00 horas do 5 de marzo", coa obrigación de prestar o servizo e subrogar aos traballadores.

Ademais, recalcou que "se ampliarán as penalidades" e o novo contrato "será máis esixente" en canto á solvencia da adxudicataria.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no encontro Economía Sénior celebrado en Madrid. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, no encontro Economía Sénior celebrado en Madrid. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta