Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 13:32
A Corporación de Radio e Televisión de Galicia vén de recibir un novo correctivo xudicial por actuar contra os dereitos fundamentais do persoal ao seu servizo. Desta volta, é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen, no caso dunha traballadora que reclamara o seu dereito á concreción horaria para poder conciliar a vida laboral e familiar, considera que a CRTVG vulnerou "o seu dereito a non ser discriminada por razón de sexo do art.14 en relación co art.39 por obstrución dos seus dereitos de conciliación".
Con este fallo, o TSXG revoca en parte a sentenza de primeira instancia dun xulgado de Compostela que, se ben lle recoñecera á traballadora a concreción horaria que esta pedira, non apreciara vulneración de dereitos fundamentais.
O Superior de Galicia vai máis aló e, ademais de manter o pronunciamento de instancia sobre a elección horaria, declara que a CRTVG, que non xustificou a negativa a concederlle á traballadora a concreción horaria solicitada, vulnerou o seu dereito constitucional a non ser discriminada por razón de sexo, ao obstruirlle os dereitos de conciliación.
A sección sindical da CUT na CRTVG, sindicato ao que pertence a traballadora, celebra que esta importante sentenza chegue precisamente ás portas dun novo 8 de Marzo, e lembra que son as malas prácticas empresariais as que obstrúen o cumprimento dunha lei que recoñece claramente a existencia de dereitos asociados á maternidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.