As restricións contra a COVID seguirán en vigor en Galicia e tamén recomendar as máscaras nos patios de colexios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou que no caso da recomendación do uso da máscara nos patios de colexios en Galicia, por considerarse espazos con aglomeracións, mantense ata que avance a vacinación pediátrica, cuxo groso prevé concluír a próxima semana.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A Xunta prevé prorrogar as restricións en vigor no marco da pandemia contra a Covid-19 --a limitación de comensais por mesa en hostalaría e o uso do certificado Covid para visitas en hospitais e residencias--, así como manter a recomendación de usar a máscara no patio dos colexios, á espera das reunións previstas a próxima semana entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Así o explicou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa sobre o novo protocolo de corentenas de contactos estreitos, na que aclarou que a Xunta "revisará" cos expertos do comité clínico "a semana seguinte" a eses encontros fixados, entre eles o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) o 10 de marzo en Zaragoza.

Comesaña reiterou que no caso da recomendación do uso da máscara nos patios de colexios en Galicia, por considerarse espazos con aglomeracións, mantense ata que avance a vacinación pediátrica, cuxo groso prevé concluír a próxima semana.

Neste sentido, insistiu en que Galicia foi "prudente" nesta medida, á espera de abarcar unha maior poboación pediátrica vacinada --nenos de 5 a 11 anos--, que na actualidade supera o 35% con pauta completa.

"Esperamos a terminar de administrar a segunda dose", comentou o titular de Sanidade, para "reformular esta consideración" sobre o uso de máscaras nos patios escolares.

Por iso, emprazou a esperar ás decisións que se adopten no Consello Interterritorial de Saúde o próximo 10 de marzo en Zaragoza, para "a semana seguinte" revisar os cambios nunha reunión do comité clínico.

"É de recibo as propostas de Zaragoza comentalas con eles", afirmou, xa que se abordarán asuntos como o novo sistema de vixilancia da Covid-19 e o avance cara á normalidade.

"REINTERPRETALAS"

Por tanto, Comesaña manifestou que a Xunta esperará ás decisións que se acorden a semana próxima para "reinterpretalas" co "asesoramento" do comité clínico.

O titular de Sanidade insistiu este venres que despois de dous anos de pandemia "a volta á normalidade empeza a ser unha realidade", pero advertiu que os incrementos de casos activos de Covid-19 en Galicia nas dúas últimas xornadas "preocupan", polo que apelou a incidir en medidas como a máscara, ventilación e evitar aglomeracións.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, preguntada sobre a presenza da variante BA.2 de ómicron, puntualizou que supera o 13% por cento dos casoZs en Galicia.

Actualmente en Galicia permanece en vigor a obriga de presentar o certificado Covid de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar os pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional avalado desde o 26 de febreiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo, no ámbito da hostalaría a única medida en vigor afecta á limitación de comensais por mesa, fixada desde o pasado 26 de febreiro en dez en interior e en 20 en exterior do local. Por parte da Consellería de Sanidade manifestaron que se manterán ata que o comité clínico revise a situación tras a reunión do próximo día 10 en Zaragoza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Huang Ho

O futuro vaino decidir o virus non os políticos. Polo momento xa levamos tres días de aumentos e hoxe casi chegando aos 2.000 casos. En pouco tempo pode volver ser como hai un mes. E espero que non. Pero unha cousa son os desexos e outra a realidade.