Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 18:31
“A pandemia contribuíu a aumentar a violencia machista e intensificou a fenda dos coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres”. Este é un dos eixos sobre os que se asentou o Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) ao que se deu lectura no acto co que a USC conmemorou o Día Internacional das Mulleres.
O manifesto deste 8M pon o foco no estudo ‘Brecha salarial de xénero nas universidades públicas españolas’, segundo o que a diferenza salarial no persoal docente “é claramente visible na percepción de complementos, sendo os homes os que acceden en maior número a estes ingresos”. “A causa posible é o menor exercicio dos dereitos de conciliación e liberación do tempo de corresponsabilidade que exercen os homes para atender o coidado familiar”, destaca o documento.
Polo que respecta ao persoal administrativo, os estudos diagnósticos das universidades apuntan a unha diferenza salarial menor pola composición feminizada do persoal. Con todo, a USC remarca que "a fenda salarial existe" e se vincula, entre outras causas, ao exercicio dos dereitos de conciliación por coidado familiar, nos que "apenas se aprecia unha mellora da corresponsabilidade".
FENDA DIXITAL
O manifesto tamén centra a atención na ausencia "sobranceira" das mulleres nas carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM) segue a ser sobranceira, así como nos postos de responsabilidade. “Somos conscientes da enorme importancia que o dominio das tecnoloxías terá no futuro. Hai que traballar para erradicar a actual fenda dixital de xénero, producida por nesgos androcéntricos que dificultan ou menoscaban a igualdade entre os sexos”, afirma o manifesto.
O acto serviu para facer entrega da placa con Mención Honorífica á Comisión de atención ás situacións de acoso sexual, acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero que recolleu Ángela Juana Torres Iglesias, profesora da USC e presidenta da Comisión. A sesión tamén contou co relatorio ‘Igualdade e xénero humano’ a cargo de Carmen Blanco, escritora e profesora da USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.