Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2025 | Actualizada ás 13:10
O xulgado do penal número 2 de Santiago remitiu este mércores á Audiencia Provincial da Coruña os 108 recursos de apelación presentados contra a sentenza do accidente do tren Alvia.
Con esa sentenza, a maxistrada titular do órgano condenou a dous anos e seis meses de cárcere ao maquinista do tren Alvia que descarrilou na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013 e ao que foi director de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) no momento da posta en funcionamento da liña pola comisión de 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave.
En concreto, os recursos contra a resolución foron interpostos polos dous condenados; a Fiscalía; Apafas (acusación popular), 99 acusacións particulares; Allianz Seguros e Reaseguros (actor civil); QBE --aseguradora de Renfe-- e Allianz Global --aseguradora de Adif-- (responsables civís directos); e Renfe e Adif (responsables civís subsidiarios).
A titular do xulgado do penal número 2 de Compostela concedeu ás partes unha ampliación dos prazos para presentar os recursos debido á complexidade da causa.
Ademais, o trámite viuse interrompido debido á situación médica dun dos avogados que representa a un número considerable de prexudicados. E, por último, unha das partes presentou un recurso de reforma contra unha providencia, o cal foi desestimado.
Unha vez finalizados todos estes trámites, a Audiencia terá que resolver os recursos, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.