Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/05/2014 | Actualizada ás 08:00
A Plataforma en Defensa do Sector Marítimo e Pesquero (Pladesemapesga) denunciou ante un xulgado unha trama relacionada con cursos e proxectos relacionados con Javier Atán Castro, irmán de Jorge Atán Castro, ex secretario xeral do Medio Rural e, agora, subdelegado do Goberno na Coruña.
Segundo esta asociación Javier Atán Castro é apoderado de Coremain, que foi subcontratada a través de Ader , para realizar cursos de formación subvencionados con fondos públicos tramitados a través da Consellería de traballo e Benestar da Xunta de Galicia e procedentes de fondos FEDER, e con fins laborais de tele mercadotecnia de VODAFONE.
Este armazón de empresas, segundo a denuncia, vive desde os seus inicios das subvencións concedidas pola Xunta, o Estado e FEDER. “Por iso non lles interesa un candidato xa formado ou que estivera na empresa, afirma nas súas declaracións unha das integrantes destes cursos, pois é un requisito indispensable para acceder a esas subvencións, a 'virxinidade documental' dos mesmos, para despois integralos como persoal laboral que tamén cobran a VODAFONE”, apunta esta asociación.
Pladesemapesga denuncia que tanto Jorge como Javier Atán Castro están relacionados con Manancial S. L., Grupo Manancial S. L., Coremain Caribe, e Avagruma, Hospital Services sl. Todas elas estarían relacionadas con proxectos para a Xunta de Galicia , “que curiosamente aparecen en 56 ocasións no BOE en asuntos de contratos con administracións publicas e un contrato de 1.8 millóns de euros para o sistema portuario de Medio Rural”. Refírese ao 'Videoguard', un innovador sistema tecnolóxico de vídeo vixilancia contra o furtivismo e a vixilancia costeira.
Sen embargo, desde Coremain negan absolutamente as denuncias desta plataforma, comezando xa polo feito de que Atán Castro non era apoderado, senón director comercial e, ademais, xa non traballa nesta empresa desde xaneiro pasado.
En declaracións a GC, Luis Sestelo, director xeral de Coremain, nega esa información e dubida, seriamente, de que haxa unha denuncia nun xulgado. “É a cuarta vez que temos que negar isto. Eu xa llelo dixen ao responsable desa plataforma co que falei varias veces. Pero agora, xa estou pensando medidas máis drásticas que igual tamén pasan por outra denuncia”.
Sestelo di que é lóxico que as empresas que traballan para a administración pública aparezan no BOE se se presentan a diferentes concursos e insiste, ademais, en que o Videoguard é un consorcio formado por tres empresas que se presentou a un proxecto da Xunta, o Interconecta, para facer un proxecto de investigación para mellorar a vixilancia do furtivismo. “E resultou gañador. Non hai nada de axudas millonarias”, indica.
Segundo Pladesemapesga, Coremain, SL, e o proxecto'Videoguard' contan co total apoio do Grupo Popular no Parlamento de Galicia "grazas á intermediación do Sr Balseiro como portavoz de pesca do Grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia e aos seus compañeiros de goberno galego baixo a Presidencia do Sr Alberto Núñez Feijóo”, engade.
Na denuncia tamén se apunta que o xerente de Retegal, José Anxo Albeal, “comparte mesa e mantel neste zumento negocio multimillonario con cargo ao público”, ao igual que Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural e do Mar, “que tivo baixo os seus ordenes até hai pouco a un dos irmáns Atan Castro”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.