Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/03/2022 | Actualizada ás 13:44
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou que "segue encima da mesa a procura de solucións" para atopar os corpos de tripulantes desaparecidos do 'Villa de Pitanxo', aínda que deixa claro que "non é unha solución sinxela" e depende de cuestións como "condicións climáticas".
Así se pronunciou, a preguntas da prensa en Santiago, despois de que as familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro, que se afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá), denunciasen que o Goberno "lles dá longas" sobre a continuación da procura, que está "paralizada".
"Entendo perfectamente aos familiares nas súas reivindicacións", dixo Miñones. Lembra que mantiveron "numerosas reunións con eles" e se manteñen "en contacto". Así mesmo, apunta que lles trasladaron "toda a información" que lles foron solicitando a través de Salvamento Marítimo e Marina Mercante.
"Veremos se somos quen de ter esa solución encima da mesa canto antes", afirma. Explica que as empresas privadas coas que contacta o Goberno para enviar un robot ao pecio, que se atopa a uns 1.000 metros de profundidade, "teñen que trasladar necesidades de facer unha actuación alí con seguridade coas condicións necesarias para iso".
Miñones sostén que "agora o prioritario é a parte da investigación e saber o acontecido", mentres compromete unha nova reunión coas familias "no momento no que se teña información".
CRÍTICAS A FEIJÓO
Así mesmo, o delegado do Goberno en Galicia mostrouse "preocupado" ao ver que o presidente da Xunta "non está no territorio" nun escenario complicado. "Non é o momento de estar de campaña", afirmou. Neste sentido reiterou que "ante a crise humanitaria" e cunha guerra "ás portas de Europa" é o momento de estar aquí" e "poñer solucións encima da mesa".
FUNERAL
O Templo Novo de Marín acollerá este venres, 18 de marzo (18,00 horas), un funeral colectivo polos 21 falecidos do 'Villa de Pitanxo'. A cerimonia, que será oficiada polo arcebispo Julián Barrio, celebrarase con motivo da declaración de falecemento dos desaparecidos no naufraxio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.