Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2022 | Actualizada ás 13:13
Tocar ao Concello (TAC) é unha iniciativa posta en marcha pola Corporación internacional Otra Escuela, xunto ás cooperativas galegas Feitoría Verde e Outonía. Esta iniciativa ten lugar grazas ao financiamento da Fundación LaCaixa e da Deputación de Ourense, contando co apoio do Concello da Veiga.
Cunha duración dun ano e estruturándose arredor de varias propostas, o obxectivo principal responde á procura e recompilación do patrimonio material e inmaterial deste territorio (lendas, recursos, roteiros, microtoponimia, etc.).
TAC contrúese dende unha metodoloxía participativa, situando o punto de partida na creación e fortalecemento dun Grupo Motor (GM), composto pola veciñanza local e apoiado polo equipo promotor que prestará acompañamento técnico. Dende o GM, promoverase unha investigación autónoma arredor do obxecto de estudo, onde se definirá o desenvolvemento e horizonte do proxecto.
Os recursos e iniciativas recollidos, volcaranse nun mapa, que axude á promoción e dinamización do territorio. Este será realizado, ao igual que a campaña visual do proxecto, pola ilustradora da mesma comarca, Eva Piay.
De xeito paralelo a este proceso, ponse en funcionamento unha Oficina de Asesoramento ambulante (OA), que non conta cun espazo físico, avogando pola descentralización e a posibilidade de mobilizarse para chegar ás necesidades veciñais.
A Oficina, ofrece de xeito online e presencial, apoio e acompañamento a toda aquela persoa que desexe iniciar un proxecto - social ou económico - no territorio, así coma recursos e ferramentas para a promoción de iniciativas xa consolidadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.