Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 17:46
O Defensor do Pobo detectou falta de comunicación e aviso sobre o uso de herbicidas con glifosatos para manter as marxes de estradas en Galicia e alertou das consecuencias negativas desta opción, así como da falta de seguimento das posibles consecuencias.
Segundo recolle o o seu informe de actividade correspondente a 2021, o Defensor lembrou ás administracións estatal e autonómica a súa obriga de fomentar o uso de técnicas alternativas aos glifosatos, garantir que a cidadanía estea informada o seu uso e realizar un seguimento de posibles efectos adversos.
Isto prodúcese tras unha investigación sobre o uso de herbicidas con glifosato nas marxes das estradas estatais en Galicia, con relación a posibles efectos adversos sobre a saúde humana ou o medio ambiente. A pesar das súas consecuencias nocivas, o Defensor do Pobo "non aprecia que o uso de herbicidas con glifosato teña ese carácter residual que afirman as Administracións Públicas, e que se axuste de maneira estrita aos requisitos de uso establecidos na normativa".
Máis concretamente, detectáronse " insuficiencias na xustificación da necesidade de empregar fitosanitarios con glifosato, na aplicación do sistema de avisos e no seguimento e control do seu uso".
Respecto ao sistema de comunicación e avisos ao público, "non quedou acreditado se os veciños fosen avisados con antelación á aplicación do herbicida" por parte, no caso que se estuda, do Concello de Lugo, destaca o Defensor, que incide en que a administración estatal de estradas "tampouco adoptou medida algunha ante o silencio do concello para asegurarse de que o aviso se produciu".
En relación aos riscos, o informe recolle que a Xunta apunta que, "dada a configuración urbanística de Galicia, con núcleos dispersos e edificacións illadas, é frecuente e habitual o tránsito de viandantes e animais domésticos por estradas e camiños", así como que, "en moitos casos, o pastoreo do gando de explotacións agrícolas extensivas alcanza ditas vías, dada a proximidade dos pastos ao perímetro das redes viarias". Por iso, o Defensor considera a falta de aviso "especialmente reprochable".
Finalmente, conclúe, "ningunha das administracións consultadas, tampouco a Consellería de Medio Ambiente, achegou datos de seguimento de posibles danos polo uso dos produtos fitosanitarios con glifosato".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.