Os efectos da crise: é o abandono de Gran Sol unha opción para a frota pesqueira galega?

Economistas da Universidade de Vigo consideran que o abandono deste caladoiro pode incrementar substancialmente o valor das empresas que operan nesas augas ante os efectos negativos combinados do aumento do custo do combustible, a redución de cotas de pesca e a prohibición de descartes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como unha sorte de Grande Armada, a frota pesqueira española do Gran Sol viviu o seu máximo esplendor a principios da década de 1980, cando chegou a estar formada por 460 barcos, na súa inmensa maioría, galegos. Pero coa integración de España na Unión Europea, en 1986, comezou o seu declive. Coñecida como a Frota dos 300, porque se cifraba así o tope de licenzas asignadas pola entón Comunidade Económica Europea no momento da adhesión de España, Galicia foi perdendo músculo pesqueiro neste caladoiro ao oeste das illas británicas. En 2005, aquela frota liderada polos buques galegos baixara a 199; en 2007, a 188, e en 2021 xa só quedaban operativos 91 barcos con bandeiras española pescando nestas augas, dos que 69 teñen base en portos galegos, segundo datos do Ministerio de agricultura, pesca e alimentación. O desastre viuse agravado nos últimos anos pola saída de Reino Unido da UE, en 2020, e pola progresiva implantación da prohibición de descartes que se estendeu a todas as especies e zonas de pesca europeas desde 2019.

Arrastreiro 'Pino Ladra'
Arrastreiro 'Pino Ladra' | Fonte: wikipedia

Ante este escenario, abandonar o Gran Sol podería ser unha opción para os que aínda resisten. Cando menos iso é o que suxiren economistas da Universidade de Vigo, que analizaron se as empresas armadoras cuxos buques faenan en Gran Sol seguirán sendo rendibles ou terán que cesar a súa actividade nun escenario cada vez máis incerto e volátil.

“A redución de cotas por mor do Brexit, a prohibición dos descartes e a política de redución do esforzo pesqueiro comunitario estableceron un marco institucional adverso”

Nun estudo que veñen de publicar sobre a viabilidade de seguir pescando no Gran Sol, os economistas conclúen que “o valor da opción de abandonar o Gran Sol é alto, un 49,3%”. A súa análise baseouse no que se coñece en economía como enfoque de opcións reais, isto é, as posibilidades que teñen algúns proxectos para introducir, no futuro, modificacións nos investimentos produtivos incrementando así o valor do mesmo. A teoría das opcións reais proporciona un método para analizar as decisións de tipo estratéxicas en condicións de incerteza, xa que incorporan a flexibilidade como unha ferramenta de decisión e onde se pode realizar unha revisión desta durante o desenvolvemento dun proxecto, permitindo así non seguir un plan establecido, senón adaptarse aos acontecementos futuros.

Neste caso, o enfoque de opcións reais utilizouse para valorar unha empresa con sede en Galicia que opera no Gran Sol e que é membro da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto da Coruña. A firma conta con máis de 30 anos de experiencia no sector e a súa actividade económica céntrase exclusivamente na pesca de altura no Gran Sol Sole mediante a explotación dun único arrastreiro.

A empresa foi elixida seguindo criterios de representatividade do sector que opera neste caladoiro, xa que “as súas variables se aproximan máis aos valores medios do sector da flota española do Gran Sol”, xustifican os autores do estudo. Estes valores medios do sector son: 1.696.000 euros de ingresos de explotación, 2.842.000 euros de activos totais e 17 empregados a bordo do buque. Non obstante, das 64 empresas armadoras españolas que operan en Gran Sol, 56 só posúen unha embarcación, catro teñen dous buques e outras catro empresas posúen tres ou máis embarcacións. Isto, explican, dá lugar a unha estrutura de mercado composta nun 87,50% por pequenas empresas, un 6,25% por medianas e un 6,25% por grandes empresas.

"A redución de cotas causa unha diminución da valoración da empresa e, en consecuencia, a opción de abandono incrementa o valor da empresa un 49,3%”

Collendo esta como caso representativo do sector que opera neste caladoiro, os economistas subliñan que “a redución de cotas por mor do Brexit, a plena implantación da prohibición dos descartes e a política de redución do esforzo pesqueiro comunitario estableceron un marco institucional adverso para esta empresa”.

“A política de obriga de desembarque e a situación creada polo Brexit crean un escenario de incerteza para as frotas que operan nos caladoiros do Gran Sol. O primeiro factor ten como consecuencia unha diminución dos ingresos de explotación pola prohibición de descartar especies de baixo valor económico, que satura a capacidade de almacenamento das embarcacións e impide que capturen especies máis valiosas. O segundo factor supón unha considerable perda de oportunidades de pesca na Zona Económica Exclusiva británica, xa que unha cuarta parte delas debe ser cedida ao Reino Unido durante cinco anos en virtude do novo acordo de colaboración asinado en 2020. Unha vez rematado o período de transición, o Reino Unido terá control total dos recursos das súas augas, polo que as posibilidades de pesca deberán establecerse en negociacións anuais. Isto aumentou a incerteza para a frota pesqueira. Os custos de explotación da frota tamén se verán alterados a curto prazo debido á eliminación da exención do imposto sobre carburantes”, contextualizan os economistas.

Polo tanto, engaden, “a incerteza que existe no entorno socioeconómico da empresa fai que a avaliación mediante opcións reais sexa axeitada”.

Para isto, obtivéronse os valores dos activos, ingresos e beneficios da empresa no período 2016-2020, que presentan “unha tendencia á baixa, sendo a máis significativa o EBIT [beneficio antes de intereses e impostos], precedida por un descenso das vendas”, aportan. Os datos indican que o patrimonio total da empresa presenta unha evolución negativa continuada, descendendo un 7,4% entre 2016 e 2020, aínda que o impacto nas vendas é moito maior (−40,89%), coa caída das vendas afectando o EBIT de forma moi significativa (−65,21%).

"O aumento do custo do combustible e da competencia polo recurso, ou a prohibición de descartes poden facer inviable a actividade pesqueira para boa parte das empresas"

Na aplicación do enfoque de opcións reais seguíronse catro pasos: proxección dos estados financeiros, estimación dos fluxos de caixa, cálculo do VAN e aplicación do enfoque de opcións reais, na que se inclúe a opción de abandono.

“A avaliación dos escenarios analizados revelou que a opción de abandono é unha decisión a ter en conta”, xa que “a redución de cotas provoca unha diminución da valoración da empresa e, en consecuencia, o valor da opción de abandono incrementa o valor do proxecto empresarial un 49,3%”, segundo os datos deste estudo. “Polo tanto, a aplicación desta opción é unha posibilidade válida para o futuro desta empresa”, detallan os economistas, que resaltan o “ambiente de volatilidade no que opera a empresa polas características do escenario económico, político e social”.

“Os resultados obtidos, aplicando a opción de abandono, indican que o valor da empresa é maior ante unha volatilidade significativamente elevada. Tendo en conta estes resultados, a opción de abandono presenta unha tendencia de valor crecente”, engaden.

En definitiva, abandonar o Gran Sol podería ser unha opción para os armadores que operan neste caladoiro para soster as súas empresas, xa que “a redución de cotas, o aumento do custo do combustible, o aumento da competencia polo recurso ou a prohibición de descartar as capturas poden facer inviable a actividade pesqueira para boa parte das empresas do sector”, advirten os economistas da Universidade de Vigo.

A FROTA MÁIS PREXUDICADA

O banco pesqueiro do Gran Sol é un dos caladoiros máis importantes para a pesca comercial en augas da UE, cunha media anual de desembarques dunhas 420.000 toneladas na última década. Os buques que operan nesta zona son, principalmente, de Francia, Irlanda, Reino Unido, Bélxica e España.

Os barcos con bandeira española, maioritariamente galegos, son dos máis afectados polos efectos negativos combinados do aumento do custo do combustible, a política de cero descartes, a redución de cotas de pesca e a saída do Reino Unido da UE.

Así, “a prohibición dos descartes afectou significativamente a rendibilidade das empresas máis pequenas, o que provocou o peche de varias delas”, salientan os investigadores da Universidade de Vigo, que proseguen: “Os obxectivos de aumentar a selectividade nas capturas que persegue este regulamento son difíciles de acadar para boa parte da frota que utiliza artes de arrastre”.

Por outra banda, “a redución das posibilidades de pesca é a principal causa do descenso do número de embarcacións”, problema que se agravou co impacto do Brexit, que “tamén é moi significativo dada a importancia das especies pesqueiras cuxa cota se reduce e o número de zonas de pesca que permanecen baixo o control do Reino Unido”.

"As expectativas do sector non son positivas e aumentou a solicitude de subvencións para o despezamento de embarcacións”

En canto ao fin das exencións fiscais ao gasóleo para os buques, este é un dos puntos máis controvertidos, xa que España tentou, sen éxito, que non se apliquen impostos ao combustible dos pesqueiros, medida que entrará en vigor en 2023. A UE quere que os buques pesqueiros empecen a tributar polo gasóleo a partir de 2023, cun custo mínimo de case 14 euros por cada 100 litros de subministración, algo que o sector rexeita, xa que considera que será a súa ruína. “Esta medida afecta a España en maior medida que o resto de países que en Gran Sol, dada a súa distancia dos caladoiros”, advirten os economistas galegos.

A todo isto hai que engadir que durante 2020 e 2021, a pandemia de Covid-19 reduciu a demanda de produtos pesqueiros frescos –dos que a principal fonte de subministración para o mercado español é o Gran Sol– e, polo tanto, o seu prezo, o que tivo un impacto negativo no rendemento económico desta flota.

Precisamente, outro estudo recente mostrou que a pandemia tivo importantes consecuencias negativas para a pesca galega. O volume de produción de peixe fresco durante 2020 (150.256 toneladas) foi o máis baixo dos últimos 15 anos, e a facturación (412,96 millóns de euros) tamén caeu ata os niveis de 14 anos atrás. O prezo medio (2,75 euros o quilogramo) tamén baixou con respecto a anos anteriores, aínda que en menor medida que o resto de variables, o que evitou aínda maiores perdas económicas. O descenso do volume de produción debeuse, en gran medida, ao peche da hostalería, que repercutiu negativamente nas capturas de peixe e, sobre todo, de mariscos. A caída da demanda tivo un forte impacto negativo nos prezos, especialmente entre marzo e maio de 2020, durante o confinamento total, no inicio da pandemia.

“En consecuencia, as expectativas do sector non son positivas e aumentou a solicitude de subvencións para o despezamento de embarcacións”, apuntan os economistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta