Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 20:00
Máis de cincocentas mozas e mozos que forman parte do proxecto de educación para o cambio social 'Activistas polo Mundo Que Queremos' recibirán durante os próximos 15 días a visita de Yezli Mic (@yezli_mic) e QueenMc (@queen_rap_), dúas activistas salvadoreñas que loitan día a día contra a desigualdade de xénero a través da música hip hop. Son integrantes do colectivo 'Hip Hop Femenino El Salvador', a primeira organización de mulleres rapeiras no país.
O obxectivo deste encontro entre o alumnado dos institutos de O Barco de Valdeorras, Cambre, Pastoriza, Redondela, Caldas de Reis e Monforte é que "os mozos e mozas coñezan a loita destas mulleres" e que "reflexionen sobre a realidade dos países empobrecidos a través da voz das súas protagonistas", explican dende Agareso.
Ademais de realizar charlas en centros educativos, tamén acudirán á Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e á de Ciencias da Educación da UdC, impartirán un Obradoiro de hip hop, e reuniranse co voluntariado das organizacións que participan en 'Activistas polo mundo que queremos', e cos representantes de Cooperación Galega, financiadores do proxecto, que vai pola súa novena edición.
En anos anteriores, explica a organización, esta iniciativa xa chegou a máis de 3.500 mozos e mozas de toda Galicia grazas a unión de tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), xunto á axuda da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Ademais, forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desta vez, as ONGDs galegas destacan que "traballan man a man con organizacións salvadoreñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere na procura do seu propio desenvolvemento e para equilibrar os niveis de desigualdade estrutural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.