Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/10/2024 | Actualizada ás 18:54
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, defendeu o rigor científico do informe desta institución sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo), de forma que advirte de que "non hai que desacreditalo". "Non tomamos posición política", asegura.
Un recente informe elaborado polo Consello da Cultura Galega afirma que a planta de fibras téxtiles prevista pola empresa portuguesa Altri en Palas "produciría unha fractura no territorio" e "implicaría a destrución completa ou alteración irreversible" dunha zona proposta para entrar na Rede Natura.
Sobre este informe, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, afeou que hai textos que "son máis unha opinión que un estudo científico", á vez que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse "sorprendido" de que o CCG priorice un informe sobre Altri, un documento que recoñeceu non ler, cando se lle preguntou por leste a comezos de setembro.
Na súa comparecencia parlamentaria deste mércores para falar dos orzamentos do Consello da Cultura de 2025, Rosario Álvarez remarcou que este informe que "tanto deu que falar" forma parte do mandato do organismo en materia de patrimonio cultural. Así, lembra que a función do CCG é "colaborar activamente con quen ten que tomar decisións" e esgrime ten "capacidade de iniciativa" para elaborar traballos. Neste sentido, subliña que o informe sobre Altri conta con "dez capítulos elaborados por científicos".
"Non tomamos unha posición política, dicimos isto é o que hai", deixa claro. Por iso, eses datos "pódense discutir con outros informes", pero "non hai que desautorizalos". E é que "ninguén pretende ser o único que ten razón", senón que "hai que discutilos e baixar á area".
"ESCASEZA" DE RECURSOS E PERSOAL
No tocante aos orzamentos para 2025, o Consello da Cultura contrá con 3,3 millóns, case un 4% máis que en 2024. "Por fin chegamos a unha cantidade que alcanza a cifra que tiñamos en 2008", expresou Álvarez. Quéixase de que se tardase "case dúas décadas", ademais que apunta que son cifras similares cuantitativamente, pero non relativas, pois en 2025 a capacidade de gasto "non é a mesma" que o que se podía facer en 2008 con ese diñeiro.
Iso si, explica que o incremento de máis de 120.000 euros irase principalmente en que o persoal se fai máis "vello" ao actualizar trienios, de modo que non suporá máis persoal. De tal forma, Álvarez alertou de que o persoal "é mínima" para unha institución "deste tamaño", aínda que fai fincapé en que "é excepcional", con "carencia" de recursos.
REPROCHES DA OPOSICIÓN Á Xunta
Durante o debate, José Luís Ferro (PPdeG) sostivo que con ese informe sobre Altri "non hai ningún conflito co Goberno galego". "Acatamos e respectamos os técnicos que asinan ese informe", asegura, polo que espera que ocorra "o mesmo" cando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emita o seu informe no que traballa.
Pola súa banda, Mercedes Queixas (BNG) cargou contra o "ataque sen precedentes" de Xunta e PP "contra a autonomía orgánica e funcional da institución". "O PP acaba de superarse a si mesmo saltando todos os límites do respecto institucional", reprocha.
Nesta liña, Paloma Castro (PSdeG) defendeu o labor que ten o CCG e a importancia dos seus informes. Pon o foco acerca de que a estrutura do CCG "leva estancada" desde hai anos, "sen poder afrontar liñas para a súa investigación" por falta de orzamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.