Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2022 | Actualizada ás 14:05
A Asociación ecoloxista ADEGA vén de celebrar este domingo a súa 46ª Asemblea Xeral, na que fixo balanzo do traballo de 2021, acordou as liñas estratéxicas da organización durante 2022 e entregou os premios Osíxeno e Dioxina de 2020 e 2021.
As persoas socias da asociación determinaron manter latente a mobilización social e a ofensiva ecoloxista contra a actual "avalancha" de proxectos eólicos que ameazan o territorio, así como reforzar a acción xurídica fronte aqueles que resulten máis prexudiciais para o medio galego. Adega tamén acordou dar continuidade á súa campaña de defensa do monte galego fronte ao monocultivo do eucalipto e doutras especies exóticas invasoras e apoiar as comunidades veciñais de montes comunais, "acosadas pola administración pública", explican.
Outra das principais liñas de traballo de ADEGA durante 2022 será a de promover unha "xestión responsable dos residuos sólidos urbanos" vinculada a un novo modelo de consumo que prime a redución de lixo, a reciclaxe e a compostaxe fronte á incineración e o vertido de SOGAMA. "Galicia segue á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo os obxectivos para 2020 e sen perspectivas de mellorar para 2025 e 2030", lembran dende a asociación.
Ademais, ADEGA anuncia que poñerá a andar unha nova comisión de traballo baixo o nome de “Emerxencia ambiental global” que se encargará de analizar no seu conxunto a crise ambiental global que supón, indican, a "perda progresiva de dereitos básicos da sociedade". "ADEGA aposta por políticas destinadas a acadar a soberanía enerxética e alimentaria, e por un desenvolvemento do territorio vencellado co decrecemento na demanda de produtos, co aforro e a eficiencia no consumo de recursos".
PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN APROBADAS
Nesta asemblea tamén se aprobaron varias propostas de resolución, entre as que se recoñeceu o "papel histórico, social e ecolóxico das comunidades de montes veciñais" e se alentou a apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola ORGACCMM na defensa deste tipo de montes fronte as "intencións da Xunta de facelos desaparecer".
Tamén se apelou á derrogación das leis de depredación, impulsadas e aprobadas polo PP, e ao amparo na Comisión Europea, para a "restitución dos dereitos cidadáns que se están a vulnerar durante a actual vaga eólica". ADEGA instou o goberno galego a derrogar tamén o Plan Eólico vixente e a deseñar unha nova "planificación enerxética racional e integral", acorde coas necesidade e capacidades enerxética de Galicia, e compatible coa vida no rural e coa preservación da biodiversidade.
No décimo aniversario da última proposta de ampliación da Rede Natura 2000, ADEGA tamén reclamou, unha vez máis, a ampliación da rede de espazos naturais protexidos de Galicia "con carácter urxente e cando menos co obxectivo de duplicar a superficie actualmente protexida", recolle na nota.
Por último, a organización ecoloxista avogou pola "retirada inmediata do exército ruso e o cese dos combates na Ucraína" (e en calquera outra parte do mundo) e á volta á vía diplomática como único camiño de resolución do conflito. ADEGA tamén denunciou a "hipocrisía" do Estado español, da UE e da OTAN ante esta guerra bélica e acusou o goberno de Sánchez de entregar o Sáhara a Marrocos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.