A novela 'Arnoia, Arnoia' de Méndez Ferrín adaptarase como videoxogo para as residencias artísticas do Gaiás

Conxugar diferentes perfís profesionais e creativos, ofrecer unha experiencia próxima ao traballo real na industria dos videoxogos e promover o intercambio entre disciplinas artísticas son os obxectivos desta nova residencia coa que a Cidade da Cultura amplía este ano o seu programa de apoio á creación cultural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A residencia Comtecart, de creación dixital, conclúe este fin de semana no Gaiás logo dun mes de intenso traballo no que nove estudantes da Universidade de Vigo elaboraron de forma conxunta unha nova proposta de videoxogo inspirado na novela 'Arnoia, Arnoia', de Xosé Luís Méndez Ferrín. Unha experiencia pioneira impulsada pola Xunta de Galicia coa Universidade de Vigo,no marco da segunda edición das Residencias Artísticas do Gaias.

Conxugar diferentes perfís profesionais e creativos, ofrecer unha experiencia próxima ao traballo real na industria dos videoxogos e promover o intercambio entre disciplinas artísticas son os obxectivos desta nova residencia coa que a Cidade da Cultura amplía este ano o seu programa de apoio á creación cultural.

O alumnado da UVigo, procedente de cinco titulacións diferentes e do tres campus da universidade, desenvolve o seu traballo no Gaiás organizado en tres áreas: deseño, ilustración e arte, e programación e intelixencia artificial, coma se fosen tres departamentos dunha produtora que deben coordinarse para desenvolver un proxecto único.

Trátase dunha experiencia "moi inmersiva" na que, como destacan os profesores responsables da iniciativa, "sobresae o bo ambiente de traballo xerado entre o grupo de estudantes", que non se coñecían previamente.

Os participantes encárganse, entre outras cuestións, de escribir o guión literario e os diálogos, deseñar a narrativa da historia e coordinar os outros departamentos. Tamén son responsables da parte estética do xogo, desde definir a paleta de cores que empregarán ata crear os esbozos dos personaxes, as texturas e, en definitiva, trasladar as palabras coas que Méndez Ferrín describe o mundo máxico de 'Arnoia, Arnoia' a un escenario de videoxogo.

En paralelo ao desenvolvemento da parte gráfica, o equipo tamén traballa a área de programación, a través tanto de liñas de código como formas xeométricas en movemento, unha sorte de esqueleto sobre o que máis adiante se aplicarán os deseños e a arte do xogo. Este departamento é tamén o responsable de dar vida aos personaxes, así como de establecer a física dos obxectos e dos escenarios para que aquelas poidan interactuar con eles sen erros.

Residencia artística Comtecart no Gaiás.. XUNTA
Residencia artística Comtecart no Gaiás.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta