Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 17:48
As compañías galegas de teatro, danza, circo ou maxia que así o desexen xa poden presentar os seus espectáculos ao 'Galicia Escena Pro', un mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta que cumpre a súa novena edición. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 18 de abril e a edición deste ano celebrarase en Santiago de Compostela entre o 6 e o 9 de xuño.
Segundo informou a Consellería de Cultura nun comunicado, haberá unha vintena de espectáculos producidos en Galicia na carteleira, así como distintas actividades de promoción das artes escénicas do país entre os axentes culturais que se acrediten no evento.
A organización corre a cargo da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) e, nesta ocasión, as xornadas terán lugar entre os escenarios do Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e outras localizacións ao aire libre.
Como xa ocorreu o ano pasado, só o público profesional poderá acceder aos espazos pechados "e continuarase impulsando a Zona PRO como epicentro do encontro interprofesional e de negocio". As propostas serán escollidas por unha comisión de profesionais do sector nomeada por Escena Galega e coa finalidade de "configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade". O rexistro debe realizarse a través dos formularios en liña da páxina web www.galiciaescenapro.gal.
A selección resultante combinará a exhibición en formato completo coas presentacións rápidas tipo pitching. Ambas as modalidades están abertas á inclusión de espectáculos de produción galega de calquera disciplina escénica, sempre que fosen estreados entre o 1 de xuño de 2021 e o 6 de xuño de 2022. Na convocatoria tamén se contempla a posibilidade da acollida de estreas absolutas durante a celebración do mercado. Ademais, ás tres xornadas de pitching tamén poderán acudir proxectos pendentes de estrearse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.