Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2022 | Actualizada ás 15:45
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, está a un paso de converterse no sucesor de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta e tamén o PPdeG, despois de recibir o apoio público e expreso do presidente da Deputación e líder provincial ourensán, Manuel Baltar.
Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que o dirixente ourensán fixo púbico o seu respaldo ao líder do PP pontevedrés tras manter unha conversación con Feijóo, que dimitirá en breve como presidente da Xunta tras tomar as rendas do PP nacional no recente congreso de Sevilla. O seu obxectivo é que, en maio, "todos [estean] nos seus postos".
En todo caso, Feijóo mantivo non só este martes senón tamén en días pasados conversas co resto de líderes provinciais e principais dirixentes do PP galego en busca de pechar un acordo para poder compasar a substitución na Xunta cunha lista unitaria para ratificar a Rueda tamén como presidente autonómico nun congreso.
Esta é a vía que, precisamente, defendeu Baltar nunha entrevista con Europa Press. O acordo para unha lista de consenso estaría "encarrilado" e habería "boa sintonía" ao redor da proposta de Feijóo. De feito, o pronunciamento público do líder do PP provincial ourensán --a lucense Elena Candia non se manifestou, pero fontes consultadas por Europa Press dan por feito que non cuestionará a vía que elixa Feijóo-- podería contribuír a favorecer o peche do acordo.
REXEITAMENTO DA BICEFALIA
Precisamente, na mesma xonada o presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, urxiu un congreso extraordinario que, "canto antes", peche a situación de interinidade na que está o PPdeG. El "non" ten interese en presentarse e rexeita unha bicefalia entre Xunta e partido, á vez que defende unha vía de "unidade" encabezada polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
Nunha entrevista con Europa Press, no medio das conversacións e negociacións que, con maior intensidade, están a rexistrarse nos últimos días, entre os dirixentes do PP galego, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, Baltar manifestou a súa convicción de que a situación de interinidade no PPdeG "debe resolverse o máis rápido posible" na súa dobre vertente institucional e orgánica.
Neste sentido, esgrimiu que "o previsible", porque o PPdeG é "un partido marcado pola palabra unidade", é que o vicepresidente primeiro "tome posesión como presidente da Xunta". Aínda que en declaracións previas fora máis ambiguo, nesta ocasión o líder ourensán defendeu que ve ao seu homólogo pontevedrés como o "máis preparado" para asumir o reto de suceder a Feijóo.
E argumentou a súa posición desde varios puntos de vista. Rueda, salientou, "pertence profesionalmente ao mundo da Administración" e "estivo con Feijóo de xeito conxunto desde o principio". Ademais, resaltou a importancia de que releve ao dos Peares na Xunta "alguén que forme parte xa da dinámica do Goberno e que chegue aprendido".
En paralelo, defendeu unha vía de "unidade" para o partido encabezada, a poder ser, polo mesmo dirixente que suceda a Feijóo á fronte da Xunta. "A miña aposta é clara: un congreso canto antes e que non haxa bicefalia. As bicefalias mellor non; se se poden evitar, mellor", sentenciou.
Baltar, que non quixo exercer de "portavoz" dos seus compañeiros e líderes provinciais do PP en Lugo e A Coruña, tras ser preguntado por se cre que a súa aposta é compartida, avogou porque o PP lance "unha mensaxe de unidade a Galicia". E insistiu en que é preciso "facelo canto antes" para que "Galicia déase conta" de que os populares "non perden o tempo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.