A Xunta, de "recortar" o corpo de profesores a investir oito millóns en plans de robótica para os institutos

Feijóo anuncia unha partida millonaria para instalar "polos creativos" en centros do país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou este martes que a Xunta fará un investimento de 8 millóns de euros para a creación de 220 polos creativos en centros educativos galegos destinados a impulsar as competencias dixitais como a robótica, a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a impresión 3D.

Durante a Xornada de exhibición dos polos creativos na Cidade da Cultura, Feijóo precisou que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, que exercerán como epicentros da innovación educativa co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da realidade actual e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro.

"Estamos a falar de espazos abertos ás comunidades locais, nos que haberá actividades que impliquen ao alumnado, profesorado, familias e ao conxunto da cidadanía da contorna", apuntou nunha intervención ante os participantes nesta exhibición, avanzando que este mércores sairá publicada no DOG a orde para que os centros poidan solicitar o seu propio polo.

Á hora de seleccionar os centros de entre os candidatos, a Administración autonómica terá en conta cuestiones como a innovación didáctica e a calidade e viabilidade do proxecto, que inclúa a presenza de profesorado de diferentes disciplinas e que fomente a participación da comunidade educativa, con actividades abertas á cidadanía. Unha vez seleccionados, achegáraselle o mobiliario e do material preciso, tanto audiovisual como de electrónica e robótica, tecnolóxico ou de informática.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que os proxectos presentados nesta xornada son a proba do traballo realizado polos centros educativos nos últimos anos, así como do enorme talento, creatividade e capacidade de innovación do alumnado e do profesorado. O investimento anunciado pola Xunta contrasta coas denuncias reiteradas dos sindicatos a respecto dos recortes en materia de profesorado lanzados pola Consellería.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participa nunha xornada de exhibición de polos creativos escolares.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participa nunha xornada de exhibición de polos creativos escolares. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta